Francisco Diéguez: ‘’O meu voto particular será favorable a presentarnos. Ourense necesita unha alternativa propia, con propostas concretas e autonomía política. Non podemos quedar á espera de que outras organizacións resolvan as súas diferenzas.
A decisión final, porén, correspóndelle á Asemblea Xeral’’.
Francisco Diéguez considera decepcionante a ruptura entre Podemos e o Frente Amplio, cuestiona a política fiscal da Xunta e cualifica de vergoñenta a polémica do bono comercio de 2023.
O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, realizou unha valoración da situación política actual nos ámbitos estatal, autonómico e municipal, marcada pola falta de entendemento entre as forzas da esquerda, o deterioro dos servizos públicos e a ausencia dunha candidatura municipal de esquerdas confirmada para 2027.
No ámbito estatal, Diéguez considera decepcionante que as negociacións entre Podemos e o Frente Amplio non rematasen nun acordo. «Os egos, as desconfianzas e as diferenzas internas volven impedir un entendemento que debería ser prioritario. É especialmente preocupante nun momento no que a ultradereita ten posibilidades de chegar ao Goberno. A cidadanía espera responsabilidade e capacidade para chegar a acordos, non unha sucesión de rupturas».
No ámbito autonómico, cuestionamos o discurso da Xunta sobre o incremento dos orzamentos das consellerías e denuncia unha política fiscal que, ao seu xuízo, beneficia especialmente ás rendas máis altas e ás persoas con maior patrimonio, mentres os servizos públicos seguen afrontando importantes dificultades.
‘’Non abonda con anunciar máis orzamento se a cidadanía non percibe melloras reais. A sanidade necesita persoal e menos listas de espera, e a educación precisa recursos suficientes para atender o alumnado. Unha fiscalidade progresiva é fundamental para financiar uns servizos públicos dignos e accesibles para todo o mundo’’.
No ámbito municipal, Diéguez cualifica de vergoñento que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recoñecese no pleno do pasado 16 de outubro que enganara a oposición en relación co bono comercio de 2023 e vinculase a medida aos seus intereses electorais.
‘’O diñeiro público non pode utilizarse como ferramenta electoral. E tamén resulta vergoñento que PP, PSOE e BNG agora se sorprendan ou aleguen non decatarse de que podían estar sendo utilizados. A oposición debe fiscalizar o goberno durante todo o mandato, non só cando estala unha polémica’’.
Por último, Avante Ourense considera preocupante que aínda non exista unha candidatura de esquerdas confirmada para as eleccións municipais de 2027. Por este motivo, Francisco Diéguez anuncia a convocatoria dunha Asemblea Xeral en novembro, na que a organización decidirá democraticamente se concorre aos comicios.
Avante Ourense reafirma así a súa vontade de seguir traballando nun proxecto político propio, centrado nos problemas reais da veciñanza e comprometido coa transparencia, os servizos públicos e a rexeneración democrática.

