En marcha os traballos de retirada da vexetación do río Basteiro entre As Augas e Santa María

Redacción

Cumprindo o anunciado no mes de agosto, o Concello de Neda iniciaba días atrás os traballos de limpeza do río Basteiro entre os lugares das Augas e Santa María. Unha intervención comprometida á veciñanza tempo atrás, e posible ao estar vixente actualmente a concesión que, tras un ano de espera, outorgaba Augas de Galicia á administración local en novembro do 2025.

O Concello, cinguíndose ao autorizado, está a facer unha “roza de maleza de carácter leñoso e herbácea localizada no leito do regato e nos muros da canle”, ademais de retirar a vexetación das marxes. Ademais, eliminaranse obstáculos, vexetación morta e lixo.

Tras as obras de retirada do azud de Pontegrande, o volume de auga que está a chegar ao Basteiro procedente do río Belelle viuse reducido ao mínimo, e esa diminución do caudal e, polo tanto, da velocidade da corrente é propicia para a colonización rápida por plantas halófilas. De aí, a cantidade de vexetación existente. Neste contexto, o Concello, tal e como apuntaba o rexedor municipal no último pleno, pretende levar a cabo dúas limpezas ao ano no leito fluvial do Basteiro.

A actuación que está en marcha busca contribuír a minimizar o risco de inundación nun treito cualificado unilateralmente por Augas de Galicia como “tramo en zona urbana”. A última limpeza acometida polo Concello tivo lugar hai once meses.

Comparte este artigo