O BNG acusa á Xunta do PP de “insistir no abandono de Vigo” nos orzamentos de 2027

Redacción

A fronte nacionalista denuncia que o proxecto de contas do Goberno de Rueda segue a desatender as necesidades en vivenda, industria, sanidade, educación ou infraestruturas

Avanza unha ampla e ambiciosa batería de emendas fronte a un “novo castigo” do PP

Xabier P. Igrexas: “Estes orzamentos confirman, e as fotografías da súa candidata a alcaldía non o poden ocultar, que o PP non ten nada que ofrecer ás viguesas e vigueses”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusa á Xunta de Galiza de desatender a cidade de Vigo nos orzamentos do ano 2027. O seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, valorou o proxecto de contas do Goberno galego para o vindeiro exercicio como a “demostración de que o PP pretende insistir un ano máis no absoluto abandono” coa maior cidade galega.

Igrexas denunciou que, nos 736 millóns de euros anunciados, o Goberno de Rueda está a computar “de maneira tramposa” como investimentos o custos de servizos e de axudas sociais. “Detrás das grandes cifras para alimentar a propaganda, o que hai é a mesma política coa que leva castigando Vigo desde 2009”, cuestionou.

Fronte a isto, anunciou que o BNG está a preparar unha ampla e ambiciosa batería de emendas para esixir que a Xunta “deixe de castigar Vigo”, asegurando que as fotografías e paseos da candidata popular a alcaldía “non poden ocultar que o PP non ten absolutamente nada que lle ofrecer as viguesas e vigueses”, engadiu.

Sen novos recursos para vivenda

Dende a fronte nacionalista advertiron de que as contas da Xunta para 2027 continúan sen reforzar as políticas públicas en materia de vivenda, ao non incluír ningún novo proxecto nin partida para mobilizar as máis de 22.000 vivendas baleiras da cidade en alugueiro social. Como únicas medidas, recolle o Plan parcial de Navia que, lembran dende o Bloque, deixará sen atender cando rematen ao 85% das case 12.000 persoas rexistradas na actualidade como demandantes de vivenda protexida en Vigo. Afeou ademais que inclúa unhas “partidas mínimas” para o desenvolvemento de solo residencial, a través dos PIA do Ofimático e Ramón Nieto, acusando o PP de “pretender estafar a veciñanza con expropiacións a prezo de saldo, sen diálogo nin transparencia”.

Cero euros para a reactivación produtiva

Para o BNG outra das eivas do proxecto de orzamentos da Xunta ten a ver coa falla de políticas en materia de reactivación produtiva e emprego. Igrexas censurou que o Goberno galego non vaia dedicar ningún recursos para blindar sectores chave como  a automoción e o naval ou para potenciar ámbitos como a innovación, a tecnoloxía e as comunicacións, nun contexto de “grave crise industrial” na cidade e con case 15.000 persoas no desemprego. “A única industria do PP é a do Xacobeo”, afeou o portavoz nacionalista, lamentando que o PP continúe a rexeitar propostas como a posta en marcha dun Plan de Reindustrialización Comarcal, dun Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico ou dun Centro de Reparacións Navais, demandas reiteradas do BNG.

Máis recortes e privatización

O portavoz municipal do Bloque cualificou tamén de “profundamente antisocial” o proxecto de contas para Vigo por “cronificar as políticas de recortes e privatización” dos servizos públicos. Criticou a ese respecto a falla de partidas para ampliar a capacidade asistencial do Hospital Álvaro Cunqueiro, para reforzar con máis persoal centros de saúde infradotados como Bouzas ou Olimpia Valencia, nin tampouco para crear dous novos PAC, como ten reclamado o Bloque nos últimos anos.

Unha política de desmantelamento que, advertiu Igrexas, tamén continuará “castigando” o ensino público da cidade, sen previsión de investimentos para modernizar e mellorar os colexios, malia as numerosas deficiencias denunciadas, nin ningunha partida para dotar de máis prazas en escolas infantís públicas. Do mesmo xeito, asegurou que o proxecto de orzamentos do PP non prevé novas residencias públicas de maiores nin prazas nos centros de día, incumprindo un ano máis a promesa electoral pendente dende 2009.

Tomadura de pelo en infraestruturas

Dende o BNG mostráronse tamén críticos cos investimentos para infraestruturas que tachan de “verdadeira tomadura de pelo”. Entre os motivos, o portavoz municipal nacionalista considerou un “escándalo” que o PP non prevea ningún recurso para a comprometida ampliación do IFEVI, e consigne unha “partida ridícula” para a o desenvolvemento da ETEA, a pesar da saída dos militares hai 24 anos. Nin tampouco hai recursos, alertou, para a ampliación do túnel de Beiramar ou en Xulián Estévez. 

Comparte este artigo