Miguel Fernández anuncia unha emenda do PSOE aos orzamentos da Xunta para esixir 11,4 millóns de euros para o Museo da Romanización no cuartel de San Fernando

Redacción

O portavoz socialista compromete a iniciativa no Parlamento de Galicia para que o Goberno de Rueda asuma o investimento necesario e cumpra dunha vez coa súa responsabilidade nun proxecto que Lugo leva máis de quince anos esperando


Fernández denuncia o agravio comparativo con outras cidades galegas, lembrando os 17 millóns destinados ao Pazo de Lourizán e os case 10 millóns para recuperar o Cine Fraga de Vigo


O alcaldable acusa a Candia de subordinar os intereses de Lugo aos da Xunta e ofrece acompañala ante Rueda para reclamar, desde a unidade da cidade, o financiamento que lle corresponde

O alcaldable considera moralmente sancionable terriblemente revelador que Canida pretenda apropiarse políticamente dos 3,8 millóns Orzamentados polo anterior Goberno para realizar unha obras a todas luces insuficientes e que non son unha solución para o Museo

O portavoz do Grupo Municipal Socialista e alcaldable do PSOE en Lugo, Miguel Fernández, anunciou hoxe, nunha comparecencia diante do antigo cuartel de San Fernando, que o Partido Socialista presentará unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia no Parlamento para reclamar unha partida de 11,4 millóns de euros destinada ao desenvolvemento do Museo da Romanización de Galicia. Fernández esixiu así que o Goberno autonómico asuma o investimento necesario para facer realidade un proxecto que leva máis de tres lustros esperando por unha decisión política e que continúa bloqueado pola falta de compromiso da Administración competente.

O líder socialista cualificou o Museo da Romanización como un clamor social e unha reivindicación histórica da cidade, que acumula demasiados anos de anuncios, promesas e compromisos incumpridos. “Lugo leva máis de quince anos esperando por un proxecto que debería ser unha referencia cultural, patrimonial e turística para Galicia.

Primeiro foi a inhibición dos gobernos de Feijóo e agora é a de Rueda. Cambian os presidentes, pero a falta de compromiso coa cidade segue sendo exactamente a mesma”, denunciou.

Fernández lembrou que o antigo cuartel de San Fernando reúne as condicións para acoller un equipamento cultural de primeiro nivel, capaz de converter Lugo nun referente para o coñecemento e a divulgación da romanización e do legado histórico de Galicia. Por iso, considerou imprescindible que a Xunta deixe de adiar as decisións e incorpore aos seus orzamentos os recursos necesarios para desenvolver o proxecto na súa integridade.

Neste sentido, denunciou o agravio comparativo que sofre Lugo respecto doutras cidades galegas. “Estamos vendo como a Xunta mobiliza 17 millóns de euros para a recuperación do Pazo de Lourizán ou compromete case 10 millóns para o Cine Fraga de Vigo, mentres para o Museo da Romanización de Lugo ofrece unha achega de apenas 500.000 euros. É unha diferenza de trato difícil de xustificar”, afirmou.

O portavoz socialista considerou especialmente grave que, tratándose dun proxecto de arredor de 15 millóns de euros e dunha competencia que corresponde á Xunta de Galicia, o Goberno autonómico pretenda limitar a súa participación a unha achega tan reducida. “É obvio que unha aportación de 500.000 euros para un proxecto de 15 millóns, no que a Xunta é a Administración competente, é unha demostración de abandono cara a Lugo. Non estamos pedindo ningún privilexio: estamos esixindo o mesmo compromiso que a Xunta demostra con outros proxectos e con outras cidades”, subliñou.

Fernández tamén dirixiu as súas críticas á alcaldesa, Elena Candia, á que acusou de non defender os intereses da cidade diante do Goberno autonómico. “Candia non sabe ou non quere reclamar o que lle corresponde a Lugo. Prefire pregarse aos intereses da Xunta antes que exercer a súa responsabilidade como alcaldesa. Unha cidade necesita unha alcaldesa que reclame, que presione e que defenda os seus proxectos, non alguén que acepte sen cuestionar as decisións de Rueda”, afirmou.

O líder socialista advertiu ademais de que o actual Goberno local está utilizando os 3,8 millóns de euros que o anterior Executivo municipal incorporara aos orzamentos para o proxecto de San Fernando para financiar outras actuacións, sen resolver o verdadeiro problema: a ausencia dun compromiso económico suficiente da Xunta e dun proxecto museístico integral. “Candia vai utilizar os recursos que nós consignamos para este proxecto —por certo, cos seus votos en contra— para facer actuacións a todas luces insuficientes coas que aparentar que está facendo algo, mentres o Museo continúa no mesmo punto morto”, denunciou.

Para Fernández, as intervencións no edificio, como as actuacións na cuberta e na envolvente, sen un proxecto definido de musealización e sen o financiamento necesario para completar o equipamento, non poden presentarse como unha solución sinon como unha manobra de pospoñer un problema por mero interese electoralista. “Arranxar a cuberta ou actuar sobre a envolvente pode ser necesario, pero iso non é facer o Museo da Romanización. O que Lugo necesita é un proxecto completo, cunha planificación museística, unha programación e os recursos suficientes para que este edificio se converta no equipamento cultural que merece a cidade”, explicou.
O portavoz socialista insistiu en que a emenda parlamentaria pretende precisamente evitar que a Xunta siga escudándose en actuacións parciais ou en pequenas achegas para prolongar indefinidamente o bloqueo. “Non podemos aceptar que se utilice o investimento municipal para tapar a falta de compromiso autonómico. O único compromiso existente son os 3,8 millóns que nos deixamos orzamentados, pero quen ten a competencia e debe asumir o groso do investimento é a Xunta de Galicia. Este non é un proxecto para Lugo é un proxecto para toda Galicia”, sinalou.

Finalmente, Miguel Fernández ofreceuse a acompañar a Elena Candia nunha reunión co presidente da Xunta para reclamar conxuntamente os recursos necesarios. “Eu mesmo me ofrezo a acompañar á alcaldesa ante Alfonso Rueda. Non teño ningún problema en deixar á marxe as diferenzas políticas se se trata de defender os intereses de Lugo. Podemos ir xuntos, desde a unidade da cidade, para esixir que a Xunta cumpra e comprometa os 11,4 millóns que necesita este proxecto. O que non pode facer Candia é permanecer calada mentres Lugo recibe un trato claramente inferior ao doutras cidades”, afirmou Fernánez quen sinalou que pouco se pode esperar de algúen que non cre no proxecto e que ante clamor social tivo que abondanor a súa idea de facer no cuartel un parador.
Fernández concluíu que o Museo da Romanización debe deixar de ser unha promesa recorrente para converterse nunha realidade. “Lugo non pode seguir esperando indefinidamente. Temos o edificio, temos unha reivindicación social consolidada e temos un proxecto que pode situar a cidade nun lugar destacado da oferta cultural e turística de Galicia. O que falta é vontade política e financiamento. E iso é exactamente o que imos reclamar no Parlamento: que a Xunta deixe de abandonar Lugo e asuma dunha vez a súa responsabilidade”.

Comparte este artigo