San Marcos acolle esta tarde unha xornada aberta e gratuíta sobre mulleres emprendedoras

Redacción
  • A Deputación organiza un encontro para conmemorar o Día Internacional da Muller Emprendedora, no que Aina Mena, Lucía López, Leticia Mon e Carmen Rojas compartirán as súas experiencias relacionadas con IA, turismo, gandaría e tradición

A Deputación de Lugo organiza esta tarde a xornada Mulleres que emprenden, mulleres que inspiran. Unha cita aberta e gratuíta que terá lugar no Salón de Actos da sede provincial a partir das 19:00 horas. Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Muller Emprendedora, que se celebra hoxe, Aina Mena, Lucía López, Leticia Mon e Carmen Rojas compartirán a súa experiencia co público asistente.

Marisol Morandeira, deputada de Muller e Igualdade, explica que a xornada pretende visibilizar o talento, a iniciativa e o papel das mulleres na transformación económica e social da provincia. “Buscamos protagonistas con traxectorias moi diferentes, que foron quen de impulsar proxectos propios e abrir novas oportunidades no seu ámbito”.

Paula Núñez, consultora en liderado, moderará un debate no que participará a fundadora da tecnolóxica Opgan Tech, Aina Mena; a impulsora do proxecto de turismo rural Cabanas do Chao na montaña lucense, Leticia Mon; unha veterinaria vencellada á gandaría que elabora queixos nunha queixería propia, Lucía López; e unha muller que fundou coa súa familia un negocio de tapicería tras chegar de Venezuela con experiencia profesional en outro sector, Carmen Rojas.

Tras a apertura institucional, que presidirá a deputada Marisol Morandeira, Núñez dará paso ás mulleres invitadas para que presenten as súas historias; o acto continuará cun diálogo no que o público terá a oportunidade de intervir e de facer preguntas. A cita servirá tamén para anunciar a programación que a Deputación de Lugo deseñou para conmemorar o 25N, Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres que comezará o sábado 21 de novembro.

O acto finalizará nos corredores do Pazo de San Marcos, cun intercambio de experiencias nos que as protagonistas e as persoas asistentes poderán intercambiar ideas e experiencias emprendedoras cun aperitivo.

Comparte este artigo