Os socialistas fan súa a denuncia de Fapacel, que alerta de que dous centros do municipio, Gándaras e Nadela, están sufrindo xa estos problemas pola falta de persoal de cociña
O Grupo Municipal reclama cubrir as vacantes, reforzar os cadros de persoal e garantir menús equilibrados, sen recorrer a solucións improvisadas como servir pizzas ou empanadas durante varios días
O PSOE critica a falta de resposta e de compromiso do Goberno de Candia ante un problema que afecta directamente ás familias lucenses e reclama que o Concello defenda os intereses da comunidade educativa
O Grupo Municipal Socialista de Lugo, a través da súa voceira adxunta, Ana González Abelelria, denunciou esta mañá a situación que están atravesando varios comedores escolares no concello de Lugo, onde a falta de persoal de cociña está obrigando a modificar os menús e recorrer a solucións improvisadas, como servir pizzas ou empanadas. Os socialistas esixen unha resposta inmediatanpara garantir un servizo esencial para a conciliación familiar e para a educación e alimentación saudable dos nenos e nenas nos centros afectados en especial nos colexios das gándaras e Nadela, trasladada pola Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de Lugo (Fapacel).
- Os socialistas fan súa a denuncia de Fapacel, que alerta de que dous centros do municipio, Gándaras e Nadela, están sufrindo xa estos problemas pola falta de persoal de cociña
- O Grupo Municipal reclama cubrir as vacantes, reforzar os cadros de persoal e garantir menús equilibrados, sen recorrer a solucións improvisadas como servir pizzas ou empanadas durante varios días
- O PSOE critica a falta de resposta e de compromiso do Goberno de Candia ante un problema que afecta directamente ás familias lucenses e reclama que o Concello defenda os intereses da comunidade educativa
Abelleria sinalou que “no CEIP As Gándaras, o cesamento da cociñeira sen incorporación da substituta ata o luns 23. Modificación dos menús os días 19 e 20 deste mes. Mentres que no de colexio de Nadela estase a vivir unha situación similar, onde se viviu a modificación dos menús do xoves e venres da semana pasada polo mesmo motivo”.
Segundo os datos trasladados por Fapacel, son oito os centros da provincia que están sufrindo as consecuencias de non contar con cociñeiros ou auxiliares de cociña. Unha situación que, como advertiu a presidenta da federación, Isabel Calvete, non pode prolongarse durante varias xornadas nin converterse nunha forma habitual de funcionamento dos comedores. O PSOE considera inaceptable que a falta de previsión na cobertura das vacantes acabe repercutindo directamente no prato dos escolares.
Para o Grupo Municipal Socialista, o problema evidencia unha grave falta de planificación na prestación dun servizo que debe contar cos recursos humanos e materiais necesarios. “Non se pode pretender que os comedores escolares funcionen con improvisacións. As familias teñen dereito a saber que os seus fillos e fillas reciben cada día unha alimentación equilibrada, de calidade e adaptada ás condicións que establece a propia Administración”, sinalan os socialistas.
Abelleira criticou a falta de implicación e de iniciativa do Goberno de Candia ante unha problemática que afecta ás familias lucenses. Considera que o Concello non pode permanecer alleo ás dificultades da comunidade educativa nin limitarse a observar como se deteriora un servizo fundamental. Aínda que a responsabilidade da xestión directa dos comedores afectados corresponde á Xunta de Galicia, os socialistas reclaman que o Goberno local exerza a súa responsabilidade institucional, esixa solucións á Consellería e defenda activamente os intereses dos centros e das familias do municipio.
Neste sentido, a voceira adxunta, Ana González Abelleira, pide á Xunta que planifique adecuadamente os procesos de selección e contratación, cubra de inmediato as vacantes existentes, dimensione os cadros de persoal en función do número de usuarios e incremente o financiamento para garantir unha alimentación de calidade. Tamén reclama que se informe ás familias con transparencia sobre as incidencias.
A formación tamén comparte a preocupación expresada por Fapacel pola insuficiencia dos cadros de persoal. Non se trata unicamente de substituír unha baixa cando se produce, senón de garantir que cada comedor dispoña dunha dotación adecuada ao número de usuarios. A federación alerta de que existen centros con máis de cen comensais atendidos con persoal insuficiente e de que continúan sen cubrirse prazas de auxiliares de cociña. “A Administración sabe que as baixas, as xubilacións e as vacantes se producen. O que non é admisible é que non exista unha previsión para cubrir esas necesidades e que sexan os centros e as direccións dos colexios os que teñan que buscar solucións pola súa conta”, engaden.
Os socialistas consideran igualmente preocupante a situación económica do servizo. Fapacel estima que a achega de 2,79 euros por comensal e día resulta insuficiente para afrontar os custos actuais e garantir a calidade alimentaria esixida pola propia Administración. Por iso, o PSOE reclama revisar os recursos destinados aos comedores e adecuar o financiamento ao custo real dos alimentos e á prestación dun servizo con garantías.
“Os comedores escolares non son un simple recurso para facilitar a conciliación. Deben entenderse como unha garantía de igualdade de oportunidades. A alimentación dos nenos e nenas non pode depender de que haxa ou non persoal suficiente cada día, nin de solucións de última hora”, conclúe o Grupo Municipal Socialista, que expresa o seu apoio ás ANPAs e á comunidade educativa na defensa dun servizo público digno, seguro e de calidade.

