O servizo de autobuses urbanos de Ourense suma case 6 millóns de viaxes entre xaneiro e outubro

Redacción

O goberno municipal prevé un incremento notable do número de usuarios nos próximos meses coa nova concesionaria, os paneis informativos e o remate das obras da Avenida de Portugal

O servizo de autobuses urbanos do Concello de Ourense rexistrou un total de 5.960.859 viaxes (incluídos transbordos) entre xaneiro e outubro de 2026. A cifra supón un 4,77 % menos que no mesmo período de 2025, cando se contabilizaron 6.259.222, segundo recolle o informe estatístico de viaxeiros elaborado pola empresa concesionaria do servizo municipal. Deses rexistros, 315.988 corresponderon a transbordos, fronte aos 397.550 no mesmo período do ano anterior, o que representa un descenso do 20,52 % neste tipo de desprazamentos.

O goberno municipal fai unha valoración positiva destes datos: “o número de viaxeiros baixa moi pouco. Cando se produce un cambio de liñas o descenso habitualmente é maior”. O grupo de goberno prevé un incremento notable nos próximos meses apoiado en tres factores: a adxudicación da xestión do servizo a unha nova empresa, a posta en funcionamento dos paneis informativos e o remate das obras de reforma da avenida de Portugal, que permitirán mellorar a rede de liñas.

O goberno local aprecia tamén que o descenso do número de transbordos é debido a que as liñas actuais son máis eficientes cas anteriores e subliña que, ao descontar os transbordos —que caeron un 20,52 %—, o descenso do número de viaxeiros (é dicir, de viaxes descontando os transbordos) sitúase arredor do 3,7 %.

Comparte este artigo