Ponteareas celebra o Black Friday cunha gran xornada de dinamización comercial e a estrea da aplicación Mercatea

Redacción

• O comercio da vila abrirá as súas portas ata as 23:00 horas este venres, 27 de novembro, con decoración especial, ruleta de premios, degustacións, obradoiros infantís e un Bingo Musical.


• A nova aplicación MercaTea permitirá aos negocios difundir ofertas e horarios actualizados, mentres que a clientela poderá deseñar rutas gastronómicas e comerciais, participar en concursos e acumular puntos coa súa tarxeta virtual.

O Concello de Ponteareas súmase este venres, 27 de novembro, á celebración do Black Friday cunha ampla programación deseñada para dinamizar a actividade económica, apoiar o comercio de proximidade e posicionar os negocios da vila nas novas tendencias do marketing. Como eixe central desta campaña, o goberno local presenta MercaTea, unha nova plataforma dixital creada para conectar directamente o comercio e a hostalaría coa cidadanía.

A nova aplicación nace como unha ferramenta sinxela e intuitiva tanto para os establecementos como para os consumidores. A través dela, os comercios e locais hostaleiros adheridos poderán compartir información relevante, actualizar horarios, publicar promocións e dar visibilidade aos seus produtos e servizos.

Pola súa banda, a clientela terá acceso a toda a oferta comercial e gastronómica xeolocalizada da vila. MercaTea permitirá á veciñanza e visitantes descubrir descontos, participar en concursos, deseñar rutas personalizadas, realizar reservas ou compras e acumular puntos mediante unha tarxeta virtual de fidelización. A aplicación xa está operativa e o rexistro pode realizarse a través da ligazón: https://mercatea.netlify.app/

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, puxo en valor a incorporación da tecnoloxía á dinamización económica, sinalando que “esta ferramenta facilita visualizar e interactuar comodamente con toda a oferta local”. Así mesmo, a rexedora fixo un chamamento ao consumo na vila, destacando que “o comercio local é un verdadeiro pulmón económico e social da vila, xerador de actividade, emprego e vida nas nosas rúas”.

Na mesma liña, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, destacou a importancia de que o sector aposte polo traballo en equipo, a formación e a adaptación aos novos tempos. “É fundamental que os nosos establecementos participen, se impliquen e aproveiten todas as oportunidades que ofrecen campañas como o Black Friday para chegar a novos públicos e seguir fortalecendo o comercio local” apuntou González.

Pinchos e lecer na praza Bugallal
Durante a xornada do venres, os establecementos participantes lucirán decoración e cartelería especial e ampliarán o seu horario de apertura de xeito ininterrompido ata as 23:00 horas. A Praza Bugallal exercerá como epicentro da festa cunha carpa na que se desenvolverán actividades para todos os públicos, cunha Ruleta de premios e gastronomía. As persoas asistentes poderán xogar á ruleta para gañar vales de desconto. Ademais, co obxectivo de crear sinerxías entre sectores, por cada compra superior a 10 euros nos comercios adheridos, a clientela recibirá un vale por un pincho para degustar nos locais de hostalaría colaboradores.

Tamén haberá unha programación específica para o público infantil e xuvenil. Os máis pequenos contarán con obradoiros e xogos na carpa, mentres que a mocidade disporá dun espazo propio cun Bingo Musical para cantar, bailar e compartir unha xornada diferente. Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas combina innovación tecnolóxica, promoción e lecer, animando a toda a veciñanza a descargar MercaTea, rexistrarse e gozar dunha xornada pensada para premiar a fidelidade ao comercio de proximidade.

Comparte este artigo