Ana Vázquez denuncia que o 23,4 % de paro xuvenil e a emancipación en mínimos históricos son o resultado de “oito anos de abandono” do Goberno de Pedro Sánchez
O PP de Ourense mantivo hoxe en Fabri-K un encontro con representantes de AJE, a Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense, no que a candidata ao Congreso dos Deputados, Ana Vázquez, expuxo as propostas do partido en materia laboral e de vivenda para a mocidade.
No encontro participaron tamén o candidato ao Congreso, Roberto González, o candidato suplente ao Congreso, Martín Gil, e a vicepresidenta do Partido Popular de Ourense, Marta Nóvoa.
Ana Vázquez situou a mellora das oportunidades dos mozos e a súa emancipación entre as prioridades de Alberto Núñez Feijóo, fronte ao que definiu como “oito anos de abandono por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.
A candidata alertou da situación que atravesa a mocidade no noso país e vinculouna directamente coas políticas do actual Executivo central. “España é o cuarto país en paro xuvenil, cunha taxa do 23,4 % que duplica a media europea, e un de cada cinco contratos é de sete días ou menos, é dicir, altamente precarios”, afirmou.
Neste senso, Ana Vázquez lamentou que a emancipación está nun mínimo histórico do 14,5 %, cunha idade media de 30,2 anos fronte aos 26 da Unión Europea, e que tres de cada dez mozos —o 30 %— están en risco de pobreza. “Son oito anos de abandono aos mozos por parte de Sánchez e hai que darlle unha resposta, que vai única e exclusivamente no programa de Alberto Núñez Feijóo”, asegurou.
A número un polo Congreso detallou as medidas laborais recollidas no programa de Feijóo para facilitar o inicio da traxectoria profesional e o emprendemento. Anunciou que os novos autónomos mozos non pagarán a cota o primeiro ano, nin o segundo se os seus ingresos non alcanzan o salario mínimo interprofesional, e que se bonificará o IRPF aos mozos de entre 18 e 35 anos nos seus primeiros catro anos laborais —por conta allea ou como autónomos— cun 100 % o primeiro ano, o 75 % o segundo, o 50 % o terceiro e o 25 % o cuarto.
Así mesmo, Ana Vázquez explicou as medidas en materia de vivienda recollidas no programa do PP para a mocidade: rebaixar o IVE da vivenda do 10 % ao 4 %, que no medio rural todos os mozos queden exentos de pagar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e que os avais cheguen ao 20 % ata os 50 anos para facilitar o acceso a un fogar.
“Os mozos que comecen a súa vida laboral como autónomos ou como empresarios non terán que arriscar a súa casa por arriscar o seu negocio, de modo que quedará exenta a súa vivenda habitual de calquera risco económico se a empresa vai mal”, explicou
Finalmente, a candidata popular agradeceu aos integrantes de AJE o seu labor diario xerando riqueza e emprego na provincia, e destacou que o proxecto de Alberto Núñez Feijóo busca precisamente premiar o esforzo de quen emprende e traballa.
Neste sentido, fixo un chamamento a apoiar ao Partido Popular nas urnas este domingo para impulsar un Goberno que acompañe á mocidade ourensá e lle permita construír o seu proxecto de vida e de futuro sen ter que marchar fóra.

