A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 13 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 13 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos.

Asuntos sociais (2). Aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e Cáritas Diocesana de Ourense para o financiamento do comedor social. O Concello destinará a esta finalidade unha achega de 280.000 euros, consonte á subvención nominativa recollida no orzamento municipal.

Tamén deu o visto e prace ao convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer Ourense (AFAOR) para o  financiamento do proxecto de “Obradoiros de estimulación cognitiva e axudas técnicas para enfermos de Alzhéimer”. O Concello destinará unha achega de 35.000 euros a este proxecto.

Contratación (4). Adxudicou a concesión demanial para a explotación da cafetería do Xardín do Posío, por un período de 13 anos, cun canon de 21.780 euros/ano, IVE incluído. Tamén deu o visto e prace ao expediente para contratar o mantemento de 3 aplicacións informáticas (FACENOVA, DGTNOVA e B2 CPXOM), e á prórroga por un ano dos contratos de mantemento das aplicacións corporativas de Persoal e Recursos Humanos e do inventario municipal de bens e dereitos do Concello.

Licenzas (4 expedientes). Concedeu as licenzas de obra para os proxectos de instalación dun ascensor nun edificio da rúa Río Salas e de adaptación de senllos locais a vivendas nas rúas Valle Inclán e Nosa Señora da Saínza. Tamén acordou rectificar un acordo adoptado na Xunta de Goberno  do 29 de outubro de 2026 en relación á licenza de reforma e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa Antolín Losada.

Alcaldía (1). Rectificou un punto dun acordo da Xunta de Goberno do 19 de novembro de 2026.

Avogacía consistorial (2). Deu conta dunha sentenza e dun auto do Tribunal de Instancia do Contencioso-Administrativo, Praza número 2, de Ourense.

Retirados da orde do día

Retiráronse da orde do día, para mellor estudo, as propostas de acordo relativas á devolución de remanente do Programa 1 de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia NextGeneration EU; e á aprobación definitiva do proxecto de equidistribución para a reparcelación da Unidade de Área de Execución UE-15 “La Trinidad”, encadrado nas actuacións de desenvolvemento urbanístico do ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Centro Histórico de Ourense.

Comparte este artigo