A histórica cita deportiva, organizada conxuntamente polos concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda, celebra catro décadas de traxectoria cun percorrido de 21 quilómetros e probas adaptadas ás diferentes categorías de menores
A Avenida do Mar de San Valentín será o epicentro dunha xornada que reivindica o deporte popular, a inclusión e a colaboración entre os concellos da ría
A 40ª edición da Carreira Popular Volta á Ría, Memorial Adolfo Ros, celebrarase o vindeiro domingo 13 de decembro, con saída e chegada na avenida do Mar de San Valentín, en Fene. A proba, unha das citas máis emblemáticas do calendario deportivo da comarca, foi presentada esta mañá nun acto no que participaron representantes dos catro concellos organizadores e da Federación Galega de Atletismo.
Na presentación participaron a concelleira de deportes de Fene, Alba García; e os seus homólogos de Narón, Ibán Santalla; Ferrol, Ricardo Aldrey; Neda, Ángeles Puentes, e o delegado da Delegación de Atletismo en Ferrol da Federación Galega de Atletismo, Paulino Cartelle.
Nesta edición será o Concello de Fene o encargado de liderar a organización dunha proba que, coa colaboración dos concellos de Ferrol, Narón e Neda, alcanza xa as catro décadas de historia, consolidada como un referente do atletismo popular e como un exemplo de cooperación entre os municipios da contorna. A carreira rende homenaxe á memoria de Adolfo Ros, falecido en agosto de 1985 na praia de Doniños tras lanzarse ao mar para rescatar varios nenos que estaban a ser arrastrados polas correntes.
A concelleira de deportes de Fene, Alba García, destacou o significado especial desta edición, sinalando que “chegar aos corenta anos dunha carreira destas características é motivo de orgullo para toda a comarca. O Memorial Adolfo Ros é moito máis ca unha competición deportiva, é unha cita que nos une arredor da ría, que promove hábitos de vida saudables e que pon en valor todo aquilo que compartimos como territorio”.
García salientou tamén a importancia da colaboración institucional e do compromiso das entidades deportivas e do voluntariado. “É unha satisfacción para Fene asumir a organización desta edición tan especial e recibir en San Valentín deportistas de diferentes procedencias, así como as súas familias e todas as persoas que se acheguen a gozar desta festa do atletismo”, engadiu.
Durante a presentación, as participantes puxeron o acento no carácter popular, interxeracional e inclusivo da convocatoria. “Queremos que o Memorial Adolfo Ros siga sendo unha carreira aberta á participación, na que teñan cabida tanto as persoas que practican atletismo habitualmente como as que se están iniciando neste deporte. As probas de menores e as categorías adaptadas son unha parte fundamental desa filosofía”.
Un percorrido de 21 quilómetros arredor da ría
A proba absoluta dará comezo ás 10:00 horas na avenida do Mar de San Valentín, nas inmediacións do pavillón polideportivo A Xunqueira. As persoas participantes deberán completar un percorrido sobre asfalto de aproximadamente 21 quilómetros, de distancia de media maratón non homologada, que atravesará os concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda antes de regresar ao punto de partida.
A carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está aberta a atletas federados e non federados e contará con sete categorías absolutas por idade: Sub 20, Sub 23, Sénior e Máster A, B, C e D. Ademais, establécense categorías específicas para deportistas en cadeira de rodas, handbike e persoas con discapacidade visual.
Ao longo do itinerario habilitaranse postos de avituallamento aproximadamente nos quilómetros 5, 10, 15 e 20, así como diferentes puntos de control. A cronometraxe realizarase mediante un chip integrado no dorsal, con rexistro de tempos na saída, no quilómetro 10 e na meta.
Para garantir o correcto desenvolvemento da competición, a organización contará coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, das policías locais e das agrupacións de Protección Civil dos catro municipios, así como de entidades deportivas e persoal voluntario. Entre as entidades colaboradoras figura tamén AEFAT, a asociación que agrupa as familias afectadas pola ataxia telanxiectasia no Estado español.
Unha xornada deportiva tamén para a cativada
Un dos atractivos do Memorial Adolfo Ros será, un ano máis, a celebración de diferentes probas destinadas ás categorías de menores, que se desenvolverán integramente en San Valentín, compartindo os puntos de saída e chegada da carreira absoluta.
As probas comezarán inmediatamente despois da saída da media maratón, con distancias adaptadas ás diferentes idades e o seguinte programa:
10:05 horas: categorías Sub 18 e Sub 16 (2.000 metros).
10:20 horas: categorías Sub 14 e Sub 12 (1.000 metros).
10:35 horas: categoría Sub 10 (500 metros).
10:45 horas: categoría Sub 8 (250 metros).
10:55 horas: categoría Peques, para menores nados en 2021 e 2022 (50 metros).
A participación nestas probas será totalmente gratuíta, favorecendo así o achegamento das novas xeracións á práctica do atletismo e a promoción da actividade física desde as primeiras idades.
Inscricións e recollida de dorsais
As inscricións poden formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 horas do 9 de decembro. O custo da inscrición para a carreira absoluta é de 7 euros, mentres que a participación nas categorías de menores é gratuíta.
Ata o momento, a organización contabiliza máis de 300 participantes nas diferentes categorías.
A retirada de dorsais e chips realizarase no pavillón polideportivo A Xunqueira, na avenida do Mar de San Valentín, nos seguintes horarios:
Venres 11 de decembro: de 12:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:30 horas.
Sábado 12 de decembro: de 9:00 a 13:30 e de 16:00 a 21:00 horas.
Domingo 13 de decembro: de 8:00 a 9:30 horas.
As instalacións do pavillón polideportivo A Xunqueira acollerán tamén os servizos de duchas e gardarroupa para as persoas participantes.
Entrega de premios
A entrega de trofeos está prevista para as 13:00 horas do domingo 13 de decembro no pavillón polideportivo A Xunqueira, como peche dunha intensa mañá de deporte.
Haberá trofeos para o gañador e a gañadora da proba absoluta, así como para as tres primeiras persoas clasificadas nas modalidades masculina e feminina de cada categoría, tanto absoluta como de menores.
Ademais, recoñeceranse as tres primeiras persoas clasificadas, nas modalidades masculina e feminina da clasificación xeral da proba absoluta, residentes en calquera dos catro concellos organizadores: Fene, Ferrol, Narón e Neda.
Desde a organización animan á cidadanía a sumarse a esta edición tan significativa do Memorial Adolfo Ros, contribuíndo a celebrar catro décadas dunha cita que forma parte da identidade deportiva da comarca.

