A entidade provincial asinará un convenio co Concello para arranxar as estradas entre a DP-7804 a Chaián e a estrada desde o cruce de Chaián ata a ponte sobre o río Tambre
O PSOE de Trazo celebra que a Deputación atendera as súas peticións e vaia investir máis de 140.000 no arranxo das dúas estradas municipais afectadas polo desvío do tráfico durante a construción da ponte sobre o rego Gatofero. “Durante a execución das obras houbo que desviar o tráfico por dúas estradas municipais, que resultaron danadas polo tráfico de vehículos pesados. Unha problemática que os Socialistas de Trazo trasladamos aos deputados provinciais socialistas e que agora toma forma neste convenio, que será aprobado polo Pleno municipal deste mes de outubro”, sinala Beatriz Domínguez, voceira do PSOE de Trazo.
A primeira estrada afectada foi a que vai dende a DP-7804, á altura de Ponte Albar, ata Chaián. O tramo, duns 2,4 km, tiña un pavimento con tratamento superficial que agora está cheo de fochancas e afundimentos provocados polo tráfico desviado das obras da ponte sobre o rego Gatofero. A Deputación ten previsto aplicar un dobre tratamento superficial en todo o ancho da plataforma, así como arranxar un tramo de canalización danado e facer outro tramo de cuneta de formigón para mellorar a seguridade na zona.
A segunda estrada danada é a que vai dende o cruce en Chaián ata a ponte sobre o río Tambre. Un viario duns 1.300 metros cun pavimento de mestura bituminosa en quente. Neste caso, o ente provincial procederá ao fresado e reposición das zonas deterioradas para despois unificar todo o firme cun microaglomerado en frío en todo o ancho da plataforma. Ademais, reporanse os sumidoiros afundidos polo paso de vehículos pesados sobre eles e reporase o tramo de canalización danado.
Beatriz Domínguez agradece “a receptividade e dilixencia que tivo a Deputación da Coruña ao recoñecer os danos causados nestas dúas estradas, que viñeron comprobar in situ deputados provinciais como Antonio Leira ou Blas García, así como a disposición a asinar un convenio de colaboración para arranxar os danos”.