HomeA Coruña“12 Comercios, 12 Sensibilidades” pecha a súa segunda edición poñendo en valor...

“12 Comercios, 12 Sensibilidades” pecha a súa segunda edición poñendo en valor o compromiso social do pequeno comercio

- Anuncio -spot_img

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de peche da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, no que ao longo de todo o ano diferentes establecementos comerciais lle deron visibilidade a entidades solidarias que traballan en Santiago. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, agradecéronlle ás comerciantes implicadas no proxecto “o seu compromiso social e o seu traballo para axudar a construir un mundo mellor”.

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” celebrou a súa segunda edición co apoio do departamento municipal de Comercio, e impulsada polas propias comerciantes, todas elas mulleres, que estableceron vías de colaboración con diferentes entidades sociais. Cada mes, un establecemento difundiu unha causa social concreta a través de actividades como exposicións, charlas ou obradoiros. Os once comercios restantes foron informando de cada causa, para darlle maior visibilidade e favorecer o fluxo de clientela.

No acto de peche, a alcaldesa puxo en valor o papel do pequeno comercio “como espazo de socialización e como termómetro social importantísimo, porque é nos establecementos de barrio onde moitas veces se coñecen mellor cales son as preocupacións e os intereses da veciñanza”. Goretti Sanmartín salientou tamén que “cada vez máis a compra é un acto político e de reivindicación, e o noso obxectivo debe ser que as xeracións máis novas entendan iso, e vexan o comercio de proximidade como espazo de identidade”. Ademais, a rexedora loubou o papel das entidades sociais que participaron na campaña “porque asociacións coma estas demostran co seu traballo diario que van sempre moitos pasos por diante de todas as administracións”.

Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que a campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” está a ser “un enorme escaparate para moitas causas xustas, está a dar a coñecer entre a veciñanza entidades sociais moi diversas, moitas delas cunha longuísima traxectoria, que fan un traballo inmenso pero moitas veces silencioso”. María Rozas agradeceu a iniciativa das comerciantes “que demostran a súa consciencia social e a súa vontade de tecer rede, sumando horas ás longas xornadas que teñen as mulleres autónomas, e facendo tribo para axudar a construir un mundo mellor”.

En representación das comerciantes, interviu Xanana Salgado, de Trisquel Artesanía, mentres que Charo Barca, da Fundación Andrea, tomou a palabra en nome das entidades sociais participantes. Ambas salientaron a oportunidade e o altavoz que supón a campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” para dar a coñecer o seu traballo nas súas respectivas áreas.

Campaña

A segunda edición de “12 Comercios, 12 Sensibilidades” comezou en xaneiro na tenda Cousa Linda, que colaborou coa Asociación Española contra o Cancro. En febreiro, a xoiaría José Antonio repetiu colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia, e en marzo a xoguetería EscondiT difundiu o traballo da Obra Social de Pediatría. En abril, a campaña estivo protagonizada por D´Aldea e a Asociación Abeiratua de pacientes oncolóxicas; en maio chegou a La Tienda de María, en colaboración coa asociación Acougo; e en xuño, Atmósfera Centro Deportivo puxo o foco na Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, ACEM. En xullo foi a colaboración entre ELA Interiorismo e AGADEA; en agosto, a libraría Lila de Lilith deu a coñecer a Casa Comunitaria Aluandé; e en setembro, Maravalla colaborou co Refuxio de Bando. Outubro foi o mes de Mimolett e Fundación Andrea; en novembro colaboraron Óptica Val e ASPAS; e neste mes de decembro Trisquel Artesanía está a dar a coñecer o traballo de Dano Cerebral Santiago.

Publicacións Relacionadas