Santiago Freire e Marcelino Agis reuníronse en Compostela para detallar o programa destas xornadas, que inclúen a celebración por primeira vez dunha sesión plenaria da Academia Xacobea en Noia
A Academia Xacobea, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, celebrará dúas xornadas extraordinarias en recoñecemento á historicidade deste Camiño e que terán lugar o vindeiro venres 13 e sábado 14 de xuño. Así o veñen de acordar o presidente Asociación e alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e o presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agis Villaverde, nunha reunión celebrada en Santiago para ultimar o programa de actividades, que será dado a coñecer en breve.
Santiago Freire amosouse moi satisfeito “por seguir estreitando o noso vínculo coa Academia Xacobea, cuxo anterior presidente e moitos dos seus académicos xa teñen manifestado en máis dunha ocasión o seu recoñecemento á historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia, e por seguir dando pasos adiante para divulgar a nosa ruta e conseguir novos apoios mentres agardamos pola chegada desa máis que merecida oficialización”.
Dous anos despois
Estas dúas novas xornadas darán continuidade á celebrada en novembro de 2023, denominada “Camiño da ría de Muros e Noia. Portus Apostoli”, durante a que o presidente da Academia Xacobea manifestara que o respaldo histórico do Camiño da Ría de Muros Noia non admitía ningunha dúbida. Este encontro de xuño de 2025 chega tras o cambio nas presidencias de ambas as dúas entidades, toda vez que Santiago Freire tomou o relevo de Teresa Villaverde á fronte da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia en agosto de 2024 e Marcelino Agis sucedeu a Xesús Palmou á fronte da Academia Xacobea en xaneiro deste mesmo ano.
A loxística das xornadas será semellante ás celebradas hai dous anos, se ben con dúas importantes novidades: duplicarase o tempo das mesmas e por primeira vez Noia acollerá unha reunión plenaria e un xantar oficial da Academia Xacobea. O pleno terá lugar na mañá do sábado 14 de xuño nas instalacións do edificio Casino de Noia, postas a disposición da entidade polo Concello de Noia en 2023 para calquera actividade que a Academia Xacobea desexase realizar. Tras a celebración do plenario, estas mesmas instalacións acollerán unha mesa redonda na que prestixiosos poñentes debaterán sobre o Camiño de Santiago na Ría de Muros e Noia.
Previamente, o venres 13 de xuño terá lugar no Coliseo Noela unha Gala Xacobea aberta a toda a veciñanza, que incluirá actuacións culturais e musicais así como o acto oficial de ingreso de novos académicos. Estas xornadas están promovidas pola Academia Xacobea, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros e Noia e o Concello de Noia.

