HomeA CoruñaA alcaldesa de Santiago destaca a honestidade e o compromiso con Compostela...

A alcaldesa de Santiago destaca a honestidade e o compromiso con Compostela de Isaac Díaz Pardo no acto de homenaxe en Boisaca

- Anuncio -spot_img

O Concello de Santiago rendeu homenaxe esta mañá a Isaac Díaz Pardo no cemiterio de Boisaca cunha ofrenda floral, cando se cumpren 14 anos do seu falecemento, o 5 de xaneiro de 2012. No acto participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, xunto con membros da Corporación municipal, familiares, amizades e representantes institucionais.

Durante o acto, a alcaldesa salientou a fonda vinculación de Isaac Díaz Pardo con Compostela e puxo en valor a súa honestidade e compromiso coa cultura, a memoria e o país. Sanmartín lembrou a súa infancia na cidade e a influencia determinante da perda do seu pai, Camilo Díaz Baliño, que marcou a súa traxectoria vital e o levou a manter unha actitude firme de defensa da liberdade e da creación artística.

A rexedora destacou o legado de Díaz Pardo a través de proxectos como o Laboratorio de Formas, Sargadelos ou Ediciós do Castro, iniciativas concibidas para achegar a arte e o pensamento crítico á sociedade e para sementar conciencia e memoria colectiva.

A alcaldesa sinalou que para Isaac Díaz Pardo Santiago non era só un espazo físico, senón un lugar onde plantar ideas e valores que perduran no tempo, e indicou que a ofrenda floral simboliza o recoñecemento da cidade ao seu exemplo vital e creativo.

Sanmartín lembrou tamén o compromiso de Díaz Pardo coa recuperación da memoria histórica e salientou que este espírito continúa presente no labor municipal a través de iniciativas como Compostela é Memoria e As mil marías, orientadas a dignificar ás vítimas do franquismo e a preservar a memoria democrática.

O acto concluíu cunha mensaxe de agradecemento polo legado humano, cultural e ético de Isaac Díaz Pardo, unha figura clave da cultura galega contemporánea e profundamente vencellada a Compostela.

Publicacións Relacionadas