O equipo, encabezado por Manolo Casais, recibiu cadansúa cesta acompañados polas familias
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, fixeron entrega hoxe do aguinaldo ao equipo de carpintería da Unidade Condutas Aditivas (UCA), formado por sete integrantes, que estiveron acompañados das súas familias. A rexedora destacou o papel do alumnado deste grupo e do seu coordinador Manolo Casais, que “tantas cousas fan en beneficio da sociedade como podemos desfrutar agora, por exemplo, cos nacementos de Ribeira e de Aguiño. Sondes todo un exemplo.”
Tamén se pronunciou o concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, quen sinalou ás familias como “uns pilares fundamentais” no desenvolvemento das persoas que integran este equipo de carpintería.
O agasallo consiste en cadansúas cestas con produtos típicos de Nadal e unha postal felicitando as festas e o vindeiro ano. Durante a súa visita á UCA, os representantes municipais tamén aproveitaron a ocasión para comprobar co persoal os avances no inminente traspaso ao Sergas que se fará efectivo no 1 de xaneiro do 2026.



