HomeA CoruñaA alcaldesa Goretti Sanmartín confirma que a familia Franco asume devolver a...

A alcaldesa Goretti Sanmartín confirma que a familia Franco asume devolver a estatuas dos profetas do Pórtico

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este mércores ante os medios de comunicación para informar de que o Concello recibiu hoxe un burofax do avogado da familia Franco no que recolle da vontade expresa de cumprir a sentenza que a obriga a devolver as estatuas dos profetas do Pórtico atribuídas ao Mestre Mateo. A rexedora compostelá deu instrucións internas para iniciar os trámites co fin de traer de volta as dúas figuras o máis axiña posible e indicou que o Concello se porá en contacto coa Administración do Estado e a Dirección Xeral de Patrimonio.

Tal e como informou en rolda de prensa, na carta remitida este mércores, os herdeiros de Franco manifestan que “asumen a sentenza e están en disposición de entregar as estatuas de maneira inmediata”, cumprindo o dictado xudicial “de maneira voluntaria e total”.  “É un día grande para esta casa, para o Concello de Santiago e para a sociedade civil, porque empezamos a contra atrás para materializar a volta dos profetas do Pórtico ao Concello”, manifestou Goretti Sanmartín, quen concluíu que os herdeiros “claudican na súa batalla por seguir sendo os donos dunhas estatuas que evidentemente non lles pertencen”. 

A rexedora compostelá  explicou que xa deu instrucións internas hoxe para iniciar as accións que se deben adoptar, a comezar por analizar cal é procedemento e para “buscar a maneira más rápida de traer as estatuas”. En canto á localización, confirmou que se traballará da man das persoas expertas para buscar o mellor sitio, que reúna as condicións técnicas de conservación e tamén poidan estar expostas ao público permanentemente. Ademais, a alcaldesa indicou que ligada á devolución das estatuas, deberá haber unha explicación que fique para as xeracións vindeiras e actuais.

Goretti Sanmartín recoñeceu o traballo de todos os colectivos de loita pola memoria histórica e singularmente á asociación O Sorriso de Daniel. Tamén fixo extensivos os recoñecementos aos agradecementos a persoas, entidades e institucións, os alcaldes Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo, ao persoal da Asesoría Xurídica e de Patrimonio do Concello e a todos os colectivos que levan anos “deixándose a pel para facer realidade que o que foi espoliado e roubado volva a onde non debeu saír”. 

En definitiva, Goretti Sanmartín remarcou que hoxe demos os primeiros pasos para que, da maneira máis rápida posible, traer os profetas para o concello, e iniciamos o procedemento de consulta e asesoramento de escoita para decidir os requisitos de conservación técnica e de exposición pública.

Publicacións Relacionadas