Alfonso Rueda comprométese con María Sampedro a avanzar na consecución do futuro polígono de Ribeira
A futura residencia de maiores ou as melloras no CEIP O Grupo foron outros dos asuntos a tratar
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, reuniuse nesta semana co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para avanzar en asuntos de interese para a cidadanía a nivel económico, social e educativo.
Durante o encontro, abordaron as vías de financiación para o futuro polígono industrial de Ribeira despois de que o Concello culminase no mes de novembro o proceso de compra das parcelas pendentes que estaban situadas no termo municipal da Pobra do Caramiñal.
“Queremos que este proxecto pase do papel á realidade para o crecemento do noso tecido produtivo e, en consecuencia, da economía local”, explica a rexedora.
Así mesmo, Rueda comprometeuse á redacción dun proxecto de mellora integral do CEIP O Grupo para resolver as eivas do tellado e da envolvente do colexio educativo co obxectivo de que a comunidade educativa “dispoña dunhas instalacións en óptimas condicións neste colexio que é un dos que conta con maior alumnado no noso municipio”, precisou a mandataria local.
Tamén falaron sobre a futura residencia pública de maiores que será a primeira do novo modelo residencial galego e, como xa se anunciou nestes días, construirase nunha finca de Cruxeiras, preto do parque periurbano de San Roque, unha vez a Administración local ceda o terreo á autonómica ao comprobarse que cumpre os requisitos necesarios. A Consellería de Política Social comezará a redactar as bases técnicas requiridas para licitar o deseño do proxecto, co obxectivo de acelerar os prazos e iniciar canto antes as obras. “Unha das primeiras medidas que tomamos ao chegar ao goberno foi a de buscar novos terreos que se puidesen poñer a disposición do Goberno autonómico para un servizo esencial que reforzará a atención ás persoas maiores da comarca”, indica Sampedro.
Os representantes de ambas administracións puxeron en común proxectos transcendentais para o desenvolvemento da cidade nun exemplo de respecto e comunicacións institucional.



