O Concello de Ribeira e a Universidade de Santiago reiteran a súa colaboración en materia educativa
Sampedro e Crujeiras mantiveron un café coloquio con alumnado participante do IV Ciclo
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto a membros do goberno municipal recibiron á reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, na súa primeira visita oficial ao municipio dende a súa proclamación como primeira muller que ostenta o cargo da dita institución educativa nos 531 anos de historia da mesma.
A xornada comezou na casa consistorial, onde Crujeiras plasmou a súa rúbrica no libro de honra do Concello, tanto en calidade do cargo que ocupa como de veciña. Deseguido, achegáronse ata o Centro Cultural Lustres Rivas para coñecer aos 50 alumnos e alumnas participantes no IV Ciclo da USC, que converteu a Ribeira en primeira sede externa da Universidade. Neste curso impartíronse as materias de Introdución á zooloxía, Fundamentos de dereito, Introdución á ópera. Novos medios, novas oportunidades, Invitación a un concerto. Educación pola música, Medio ambiente e Psicoloxía, ademais de O retrato. Unha visión dende a socioloxía da arte, Historia do cinema galego e Arquitectura moderna como complementarias.
“É todo un orgullo ver como esta veciña de Artes acadou un importante fito histórico que non é só unha vitoria individual, senón que tamén un mérito para o conxunto da sociedade ribeirense. Podo comprender o mare magnum de actividade institucional e responsabilidade na que se debe ver envolta, ademais da transcendencia de ser a primeira muller que ostenta o cargo de reitora. Ben o sei ao pasar por todo iso no momento no que eu tiven a honra en converterme na primeira alcaldesa de Ribeira. Porque isto tamén supón un cambio no presente e a apertura de camiños para as mulleres de futuras xeracións”, declarou a rexedora durante a visita. Sampedro tamén apelou a seguir colaborando entre Concello e Universidade para “seguir achegando formación de calidade aos nosos veciños e veciñas a través das sinerxías entre as dúas institucións.”
No acto, a reitora manifestou a súa satisfacción por poder comprobar a “boa saúde” do Diploma Sénior do IV Ciclo Universitario da USC en Ribeira, “o lugar onde comezou o meu camiño e onde aprendín valores que me acompañaron ao longo da vida como o esforzo, a capacidade de superación e o compromiso coa comunidade e que tamén recoñezo nesta iniciativa universitaria”, dixo.
“O IV ciclo representa sen dúbida unha das mellores expresións do compromiso da Universidade coa sociedade: unha Universidade aberta, próxima e convencida de que a aprendizaxe é un proceso que nos acompaña ao longo de toda a vida”, sentenciou.
Ademais, neste venres comeza a décima edición do programa de democratización do coñecemento para maiores de 50 anos Camiños de coñecemento e experiencia, o cal porá o foco no patrimonio, a fotografía e a contorna dixital durante a primeira quincena do mes de xuño, seguindo a metodoloxía teórico-práctica.

