Inés Rey: “Os nosos festexos son un exemplo de diversidade ao ofrecer ocio e cultura para todo tipo de públicos durante un mes”
Este venres 1 de agosto marca o inicio das Festas de María Pita 2025, que comezarán co pregón de Rosa Cedrón e a actuación de Baiuca na
praza. Mais, nas horas previas, botaron a andar diferentes iniciativas vinculadas a estes festexos na contorna dos xardíns de Méndez Núñez e do Obelisco. A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte da apertura da mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’ e as inauguracións da Feira do Libro e Mostrart. “Os nosos festexos son un exemplo de diversidade ao ofrecer ocio e cultura para todo tipo de públicos durante un mes enteiro, como podemos comprobar hoxe mesmo, con propostas con gran calado entre a cidadanía e que se prolongarán semanas”, indicou a rexedora.
Para conmemorar o 175 aniversario das festas, instalouse no Obelisco a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’, con 40 carteis emblemáticos que reflicten o espírito dos tres séculos nos que se celebraron. Do 18 ao 31 de agosto a exposición poderá visitarse en Marineda City. “Deste xeito queremos que a cidadanía coñeza a orixe e a evolución dunhas festas únicas no mundo pola súa duración e variedade”, indicou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o comisario da mostra, David Carballal.
A continuación, a alcaldesa visitou a feira de artesanía máis importante de Galicia, Mostrart, que un ano máis regresa aos xardíns de Méndez Núñez, reunindo aos mellores artesáns e artesás do 1 ao 31 de agosto. En Mostrart 2025 participan desde hoxe máis de 60 obradoiros artesáns, organizados en diferentes quendas de participación ao longo do mes, cun total de 43 casetas. Desta representación, 51 artesáns proceden de Galicia e 11 doutras comunidades autónomas, consolidando así o carácter diverso e de calidade da feira.
Por último, Inés Rey tomou parte do acto inaugural da Feira do Libro da Coruña, cuxo pregón correu a cargo da poeta e música Lucía Aldao. Baixo o lema ‘Onde florecen os libros’, este 1 de agosto bota a andar a Feira do Libro nos xardíns de Méndez Núñez. Serán un total de 36 librarías e editoriais as presentes nesta edición, que ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros ata o 10 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas.
“Esta é, sen dúbida, unha celebración da cultura, pero tamén unha afirmación do modelo de cidade que queremos: unha cidade que aposta polo coñecemento, pola palabra, pola diversidade e pola convivencia”, indicou Inés Rey, que agradeceu o traballo da Federación de Librarías de Galicia, das institucións colaboradoras e das editoriais e editoras por facer posible esta feira.