O concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade, vén de intervir nunha das mesas redondas do III Foro Urbano de España, que se celebra hoxe e mañá na Coruña, e ao que tamén asiste o concelleiro de Deporte, Mocidade e Captación de recursos públicos, Daniel Barreiro.
Despois dos encontros celebrados no ano 2021 en Sevilla e no 2023 en Granada, o Foro Urbano de España trasládase a Galicia para reflexionar de xeito colectivo sobre a construción de política urbanas sostibles, inclusivas e resilientes, no marco da Axenda Urbana Española.
Lonxe de ser un documento teórico, a AUE está atopando unha aplicación práctica no ámbito municipal e supramunicipal, impulsando unha verdadeira transformación na maneira de xestionar o territorio. No caso de Carballo, a Axenda Urbana xa se ten manifestado como unha ferramenta de traballo e de mellora da gobernanza, pero tamén como un marco de financiamento. De feito, a consecución de 6,5 millóns de euros dos fondos EDIL para acometer proxectos estratéxicos como o edificio de entidades sociais, un novo auditorio e a reforma da Praza do Concello foi posible por dispoñer dunha Axenda Urbana en vigor.
Iván Andrade explicou o proceso de elaboración deste documento “estratéxico”, froito de dous anos de traballo, nos que se recolleron as achegas dos técnicos dos distintos departamentos municipais, dos grupos da corporación e tamén da sociedade organizada, a través das sesións celebradas con asociacións empresariais, ambientais, culturais, deportivas, sociais, veciñais, de nais e pais de alumnos.
Froito dese intenso proceso de participación, a Axenda Urbana de Carballo inclúe 55 accións “moi diversas, e con distintos niveis de prioridade”, centradas nos ámbitos social, do desenvolvemento sostible e da posta en valor do medio rural, engadiu Iván Andrade. O documento é accesible para toda a cidadanía a través da páxina web carballo.gal.