HomeA CoruñaA Batalla Naval encherá este venres o ceo da Coruña de luz...

A Batalla Naval encherá este venres o ceo da Coruña de luz e cores durante 20 minutos

- Anuncio -spot_img

Terá lugar na enseada do Orzán a partir das 23.30 horas e contarase con máis de 700 quilos de material pirotécnico

O célebre ilusionista Pedro Volta actuará na praza de María Pita co seu espectáculo ‘Magic Space’

Este venres, 15 de agosto, A Coruña acollerá unha nova edición da Batalla Naval na enseada do Orzán. O espectáculo contará cunha tirada de máis de 700 quilos de fogos pirotécnicos, tanto de fabricación propia como de importación. O espectáculo está deseñado por Pirotecnia Xaraiva.

Como é habitual, dispoñeranse dúas zonas de disparo dos fogos. A principal estará situada na coiraza das Escravas, e a segunda zona de disparo será a Finca dos Mariño. O espectáculo contará coas últimas novidades en material pirotécnico. A Batalla Naval contará cunha gran cantidade de efectos dixitais. As fachadas serán amplas e a varias alturas, coa construción de composicións aéreas con movementos coreográficos de cor e efectos variados, acompañados todos os conxuntos de arrebatos. Tamén se empregarán pirotecnia acuática. Uniranse varios momentos culminantes cun remate multicolor de carcasas, abanos pirodixitais, que darán paso á gran descarga de ruído para poñer punto e final ao espectáculo. A Batalla Naval terá unha duración de 20 minutos, nos que se vivirá unha cromática de cores de grande intensidade.

Alteracións no tráfico

Con motivo da celebración da Batalla Naval, este venres levarase a cabo un corte total do tráfico no Paseo Marítimo, entre a glorieta das Escravas ata a avenida de Hércules en horario de 21.30 horas ata as 00.30 horas. A extensión poderá ampliarse, se for necesario pola afluencia do público, ata San Roque.

Para a mobilidade na zona, para a saída de Monte Alto recoméndase tomar como alternativa a rúa Beiramar cara a Mariña-Parrote; e para a entrada a Monte Alto pola avenida do Porto. No caso da praza de España, recoméndase a saída cara o túnel da avenida do Porto ou pola rúa de San Andrés.

Magic Space, do ilusionista Pedro Volta, en María Pita

O recoñecido ilusionista Pedro Volta actuará este venres na praza de María Pita, ás 22.00 horas, co seu espectáculo ‘Magic Space’. Trátase dunha función de maxia familiar na que o ilusionista galego porá especial énfase nos detalles visuais e contará cunha posta en escena teatral.

A maxia de Pedro Volta está deseñada para conmover e ilusionar ao público de maneira extraordinaria, con espectáculos inspirados na ciencia ficción, a conquista do espazo, a física cuántica e narrativas humanas emocionantes. Utilizando diversas ramas do ilusionismo, desde a maxia máis próxima ata grandes efectos escénicos, Volta busca provocar unha sensación de asombro e o imposible, apoiándose en medios audiovisuais, iluminación espectacular e unha posta en escena teatral.

Este creativo mago galego destaca polo seu talento para comunicar e presentar os seus actos de ilusionismo de forma fantástica, logrando que o público salga do teatro fascinado e crendo na maxia.

Publicacións Relacionadas