· As familias empadroadas no municipio con polo menos 6 meses de antigüidade e aquelas con posto de traballo na localidade terán prioridade na adxudicación.
· As nais gestantes tamén poden realizar a solicitude, quedando en lista de reserva ata o nacemento.
· O trámite pódese realizar preferentemente de forma telemática a través da sede electrónica ou de xeito presencial no Rexistro Xeral.
O Concello de Bergondo abrirá do 1 ao 23 de abril o proceso para solicitar praza na Escola Infantil Municipal (EIM) de cara ao próximo curso escolar 2026/2027. O servizo está dirixido aos menores do municipio, establecendo como requisito de idade non cumprir os 3 anos a data do 31 de decembro de 2026.
Como novidade e facilidade para as familias, as nais gestantes tamén poden solicitar praza neste período. Neste caso, a solicitude será baremada e quedará en lista de reserva, formalizándose a admisión tras o nacemento e sempre que se cumpra coa idade mínima regulamentaria.
A asignación das prazas vacantes realizarase tendo en conta o baremo establecido pola Xunta de Galicia. No entanto, o Concello fixou unha orde de prioridade claro para a adxudicación:
• Familias empadroadas en Bergondo (proxenitores ou titores legais e o menor) cun mínimo de 6 meses de antigüidade, salvo traslados debidamente xustificados.
• Familias non empadroadas, pero cun posto de traballo regular no municipio (deberán achegar un certificado de empresa).
• Familias residentes en concellos limítrofes.
As familias interesadas teñen ao seu dispor dúas vías para presentar a súa solicitude: a #telemática (opción preferente), através da sede electrónica municipal, cumprimentando os formularios correspondentes e achegando a documentación requirida para a valoración sociofamiliar, laboral e socioeconómica; ou a presencial no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas.



