Baixo a dirección de Diego Rey, a compañía Artefeito Producións trae a Fene este venres o espectáculo Retrincos de Castelao, unha peza que se adentra “a través do humor, na vida, obra artística e compromiso político de Castelao, un achegamento necesario a esta figura fundamental da nosa historia”. A obra, protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei, represéntase este venres, 31 de outubro, ás 20 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde (apertura de portas ás 19 horas). Espectáculo recomendado para maiores de 12 anos.
Nesta peza, “a partir da chegada de Zeltia ao cemiterio onde Pedro pasa os días, Isabel Risco e Fran Rei fan un divertido percorrido polo traballo e traxectoria vital de Castelao, recreando a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo, un mosaico dunha sociedade e cultura galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces. A través dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, visitaremos varias historias da obra literaria do xenio de Rianxo, como A Luz, O fillo do Rosendo ou Peito de Lobo, sen esquecer as súas marabillosas viñetas e sempre coa retranca e humor que está presente no seu amplo e variado legado artístico”.
Espectáculo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Isabel Risco é actriz, clown e pedagoga teatral. Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña, na escola Casahamlet e asistindo a cursos monográficos con mestres como Eric de Bont, Jango Edwars, John Wright, Leo Bassi, Serge Nail, Kirko Koski, Alfredo Rodríguez, Tom Greder, Claudia Contín, Angel Burgos, Sophie Gazel, Carlo Colombaioni, Pablo
Muñoz, Johns Pappila, Manuel Lourenzo ou Carlo Bosso. Dende o ano 2000 participa en espectáculos profesionais nas compañías Ibuprofeno Teatro, Espello Cóncavo, Os sete magníficos máis un, Manicómicos e Produccións Desaqueloutradas, coas que ten participado nalgúns dos festivais de teatro e clown máis importantes da península, e na compañía Maquinaria Pesada, con espectáculos de producción propia como As Vingadoras ou Nabiza Girl. No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en series como Padres Casares, A vida por diante, O Nordés, Air Galicia, Era Visto!, A Casa da Conexa, Os Caseiros ou Casa Manola, e outros programas da TVG como O Show dos Tonechos, En Pé de Festa, Zapping Comando, Máxima Audiencia, Luar, A Solaina, BumBumBumeran, Heicho Cantar, Land Rober, Tourilandia, Land Rober Tunai Show, etc; ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longamentraxe.
Fran Rei é actor cómico, director e autor de guións. Na súa formación escénica, ademais dos anos da Aula de Teatro do Campus de Lugo (USC), dirixida por Tareixa Campos, destacan numerosos cursos de teatro, clown e bufón con algúns dos mellores mestres de comedia do panorama internacional, como Carlo Colombaioni, Jango Edwards, Leo Bassi, Eric de Bont, Iván Prado ou Antón Valén. Actor profesional desde o ano 2001, ten participado en diversos espectáculos, como Dous Pallasos en Máis Apuros, Os Sete Magníficos máis Un; Frantasmas, Acontrabutaca Producións; Falar sen Cancelas, Culturactiva Producións; O Valo, de Pallasos en Rebeldía; Dous no Camiño, Artefeito Producións; Saaabor!, Culturactiva Producións; Desconcerto, Culturactiva Producións; FOOT, Pallasos en Rebeldía ouVía Morta, Culturactiva Producións e Pallasos en Rebeldía. Ademais dos seus espectáculos en solitario: A Historia de Brancaflor, O Conto de Barriga Verde, A Galiña Azul e Superheroe. Tamén ten experiencia no mundo televisivo. Xunto a Pedro Brandariz, formou diversas parellas cómicas no programa Luar da TVG entre 2012 e 2019.
Diego Rey é actor, autor e director teatral. Realizou a súa formación teatral con diversos mestres, como Artur Trillo, Roberto Salgueiro, Fernando Dacosta, Xulio Lago ou Avelino González. Destaca a súa preparación en Commedia dell’Arte, baixo a man de Massimo Machiavelli, Massimo Malucelli, Claudio De Maglio, Antonio Fava, Carlo Boso e Fabio Mangolini. No ano 2006 únese á compañía Talía Teatro para a montaxe O Merlo Branco, e dende entón ven desenvolvendo a súa actividade vinculado a dita compañía. Como actor participou, entre outras, nas montaxes de E ti Quen ves Sendo? (autoría e dirección de Cándido Pazó), Volpone (dirección de Roberto Salgueiro) ou Sopa de Sapo (autoría e dirección de Artur Trillo), Lambetadas ou Unha inimiga do pobo. Como autor e director realizou diversas montaxes ata o momento, entre as que podemos destacar Carta Urxente para Máximo Toxo (publicado no ano 2010 por Galaxia) e XANGO, a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina, DeseXO (Talía Teatro), Falar sen Cancelas (Culturactiva Producións), Papar sen Cancelas (Culturactiva Producións) ou Retrincos de Castelao (Artefeito Producións)



