HomeA CoruñaA Casa Museo Casares Quiroga acolle unha mostra retrospectiva dos 25 anos...

A Casa Museo Casares Quiroga acolle unha mostra retrospectiva dos 25 anos de Os Náufragos Teatro

- Anuncio -spot_img

A exposición conmemora a traxectoria dunha compañía que entende o teatro como espazo de memoria, encontro e transformación colectiva

A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde hoxe a mostra ‘Os Náufragos Teatro: 25 anos dando voz ás realidades silenciadas e construíndo comunidade desde a escena’. Trátase dunha mostra retrospectiva desta formación teatral coruñesa liderada por Gustavo del Río. No acto de apertura da exposición participou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou “a vontade da nosa alcaldesa, Inés Rey, por ofrecer espazos que afonden no coñecemento das entidades culturais da cidade, que desenvolven un labor divulgativa e social como Os Náufragos Teatro”.

No 2026, a compañía coruñesa Os Náufragos Teatro cumpre 25 anos sobre as táboas. Un cuarto de século reivindicando o papel do teatro social como ferramenta de cambio, apostando polos creadores e creadoras galegas e xerando espazos de compromiso real coa diversidade desde as artes escénicas de base. A través dunha escolma de fotografías, pezas audiovisuais e elementos escénicos relacionados coas súas producións e proxectos máis emblemáticos, como ‘Silenciados’, ‘Hugo’ ou ‘Riazor Ostia’, esta exposición conmemora a traxectoria dunha compañía que entende o teatro como espazo de memoria, encontro e transformación colectiva.

Desde hai décadas, as pezas de Os Náufragos Teatro traballan por dar visibilidade ás realidades dos colectivos máis vulnerables ou situados nas marxes: ás vítimas do acoso escolar, da discriminación, da LGTBIQ+fobia ou doutras formas de violencias estruturais, como as que atravesan ás mulleres, ás identidades trans ou ás persoas neurodiversas, entre outras moitas.

A compañía lidera, ademais, outras iniciativas escénicas e culturais íntimamente ligadas ás realidades da cidade, como o Proxecto VINTE de recuperación da memoria do territorio habitado por Picasso; o festival Corufest de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual; ou a peza ‘Pura’, fondamente vencellada á cidade desde a súa xénese creativa e atravesada polos seus espazos, memorias e pulsións urbanas.

Actuando como unha ferramenta viva para construír cidade desde a escena, esta exposición reconstrúe as voces de todas esas identidades silenciadas. Voces que tiveron e seguen a ter, nas súas producións, un lugar onde deixar de resistir e un punto de apoio para comezar a existir con dignidade.

Publicacións Relacionadas