A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, do “Estudo de Viabilidade do Plan de Actuación para o desenvolvemento dun sistema de alumeado ornamental para a conservación do patrimonio (Biolumen) que está a desenvolver a sociedade “Televés, S.A.”, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a empresa Ferrovial para unha instalación piloto de iluminación da fachada da Casa do Cabido, no marco do proxecto Smartiago.
Entre as condicións técnicas para o seu desenvolvemento figuran:
-A instalación de proxectores no edificio do Museo das Peregrinacións (antigo Banco de España), a localización destes deberá ser a mais discreta posible para evitar calquera impacto visual negativo na súa visión dende a rúa, recomendándose a instalación na cuberta, -aproveitando a localización dos proxectores existentes na actualidade- ou integrados no balcón da fachada principal, onde tamén existe xa unha instalación de cámara de video vixianza.
-A instalación empregará as luminarias de tamaño o mais reducido posible a fin de mellorar as posibilidades de integración no entorno da cidade histórica.
-En relación cos acabados exteriores dos elementos da instalación, recoméndase o emprego dun acabado en cor gris mate ou satinado (non brillante), a fin de minimizar o impacto visual destes aparatos en calquera que sexa a localización final escollida (cuberta de tella ou de cinc, cornixas de fachada, balcóns…etc).
O obxectivo principal de Biolumen é o deseño, desenvolvemento e posta en funcionamento dunha solución piloto de alumeado ornamental que, a través de tecnoloxía LED, permita inhibir o crecemento de microorganismos no patrimonio monumental de Santiago de Compostela. Dacordo cos pregos do contrato, a instalación piloto está prevista para o alumeado da fachada norte da Casa do Cabido, na Praza das Praterías. Entre os obxectivos xerais estaría situar o servizo de iluminación pública ornamental na vangarda da eficiencia, sen renunciar a unha idónea integración arquitectónica nun entorno Patrimonio da Humanidade; promover a sustentabilidade ambiental ligada á fabricación e xestión da iluminación baixo un modelo de economía circular; reducir os gastos de conservación do patrimonio utilizando iluminación ornamental e intelixencia artificial para o mantemento preventivo da colonización biolóxica; reducir o custo de electricidade de iluminación pública ornamental nun 80% anual; e aforrar o 20% en gastos de conservación, mantemento e restauración de fachadas do patrimonio monumental da cidade. O importe da axudicación do contrato foi de 507.092,09 euros; IVE excluído, comprometendo a empresa un 10 % dos royalties da solución desenvolta por un valor de 751.707,07 euros.
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.
Fibra óptica
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén deu o visto bó a sexta fase do “Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 6”, que conta cun orzamento de execución material de 20.253,42 euros. O proxecto contempla o despregue da fibra óptica en:
1.-Rúa das Rodas (núm. 33 -43)
2.-Rúa de Entremuros( impares)
3.-Algalia de Abaixo (núm. 26 -34)
4.-Quinteiro de Rúa do Castro, Pza. San Fiz de Solovio e Ruela de Altamira
5.-Rúa de San Fiz de Solovio
6.-Travesa da Universidade (Facultade de Historia)
7.-Mercado de Abastos (Rúa das Ameas)
8.- Quinteiro da Rúa Preguntoiro, Pza. da Pescadería Vella, Rúa e Ruela de Altamira
9.- Quinteiro da Rúa das Ameas e Rúa de Altamira
O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% os posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que con similares condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:
-As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.
-Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.
-As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.
-O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.
-As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.
-A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.
Estatua de Rosalía de Castro
Tamén se deu a aprobación ao “Informe final de limpeza e diagnose do estado de conservación do monumento a Rosalía de Castro”. A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, na súa sesión ordinaria celebrada o 7 de xullo de 2020, informara favorablemente á realización dos traballos de restauracion do monumento. Pero o informe final, unha vez executados, sinalaba que dadas as características da escultura, son necesarias unhas tarefas de control e seguimento continuados dos procesos de deterioro. É preciso, subliña, realizar unha revisión periódica do estado do monumento para poder coñecer o tempo en que será necesaria unha nova limpeza das esculturas. Polo tanto a proposta para a seguinte intervención no monumento sería:
-A partir dos resultados obtidos coa limpeza realizada en 2020 poderá realizarse unha programación dos traballos de limpeza necesarios.
-Estudo da capa biolóxica que se forma sobre as esculturas do monumento, co obxectivo de poder aplicar, unha vez realizada a limpeza de xeito manual, algún produto inhibidor do crecemento destas especies que non provoque efectos negativos sobre o mármore da escultura de Rosalía e sobre a pedra de Novelda da escultura dos galegos. Este procedemento podería contribuír a uns resultados mais duradeiros dos traballos de limpeza.
-Aplicación de morteiros de unión onde se precise, co fin de eliminar espazos ocos nos que poden medrar pequenas plantas. O morteiro mais indicado para este uso sería un morteiro de cal hidráulica compatible cos materiais empregados no monumento.”
Outros asuntos
Entre outros asuntos informados favorablemente, figura o “Proxecto modificado sen variación económica da intervención urxente para eliminar pingueiras na igrexa parroquial de Santa María a Antiga da Corticela”, cun orzamento de execución material de 106.789,26 euros. Tamén se deu luz verde, aínda que con condicións, ao “Proxecto de obras de conservación e mellora da envolvente no Pazo de Fonseca e no Pazo de San Xerome, cun orzamento de execución material de 208.081,32 euros e un prazo de execución de 3 meses.
En relación coa solicitude de licenza para o “Acondicionamento de dous locais destinados á actividade de oficinas na planta baixa do inmoble, situado en Rúa das Carretas, obtivo o visto bó coa condición de retirar as instalacións de acondicionamento de aire actualmente colocadas no patio ou espazo libre interior do inmoble, xa que a súa localización non é compatibles coa protección do inmoble. O orzamento de execución material é de 85.000 euros.
Por último, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informou favorablemente á solicitude de montaxe da exposición fotográfica “Compostela, un ano de Voz” no Paseo Central do Parque da Alamea entre o 20 de xaneiro e o 13 de febreiro de 2021; e á ocupación da vía pública para a presentación internacional a serie de televisión “3 caminos”, aínda que con condicións. Entre elas figuran a non autorización de obras, perforacións ou ancoraxes nos pavimentos da Praza do Obradoiro para a ocupación da zona de “Photo call” e tampouco nas fachadas do Pazo de Raxoi para a instalación dos focos de iluminación provisionais; a colocación da lona para ocultar o valado e as estadas das obras das escalinatas da catedral de Santiago limitarase a un total de tres días (o día da celebración do acto de presentación internacional e as xornadas anterior e posterior a este); e nesa mesma lona deberase eliminar a referencia á empresa Amazon, xa que non é autorizable a colocación de publicidade comercial nas fachadas dos Monumentos declarados de interese cultural de acordo co artigo 19.3 da “Ley 16/1985, de 25 de junio, del Patrimonio Histórico español” (BOE de 29 de xuño de 1985 e corrección de erros do BOE de 11 de decembro de 1985).
Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.