Home A Coruña A Concellaría de Cultura de San Sadurniño celebrará o Entroido dentro do...

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño celebrará o Entroido dentro do programa de descentralización de actividades “Algueiradas de inverno”

- Anuncio -

Os concellos de toda a comarca andan dándolle voltas a como celebrar o Entroido. Falta algo máis dun mes mara o Martes de Carnaval, que cae o 1 de marzo, e se se queren programar actividades vai sendo moita hora de planificalas, aínda que non haxa maneira de saber cal vai ser a situación sanitaria nesas datas nin tampouco as restricións que se deban poñer en práctica. A área de Cultura de San Sadurniño xa ten pensado o que quere facer e como quere facelo. En principio ten intención de continuar descentralizando as propostas levándoas polas parroquias por medio dun programa denominado “Algueiradas de inverno”, co que pretende darlle cabida ás festexadas “tradicionais ou non” que se axeiten aos meses máis fríos do ano e mesmo ao arranque da primavera. A primeira das algueiradas será o Entroido, que se celebrará -se se pode- no local social de Naraío o sábado 19 de febreiro. Ademais todas esas datas de troula irreverente completaranse cun concurso de bonecos que repite en certo modo o esquema do “Engalana o teu concello” ou do “San Sadurniño en flor” no sentido de promover a participación veciñal desde a casa.

O que propón Cultura con este concurso é que se recupere a tradición entroideira, caracterizada polas máscaras e polos xantares contundentes a base dos produtos da matanza, os grelos, as orellas e os freixós. Para demostrar que o carnaval -aquí sempre foi carnaval, o de chamarlle “entroido” é cousa de hai relativamente pouco- pídeselle á veciñanza que prepare un espantallo ou un boneco adobiado como cociñeira ou cociñeiro de todas as viandas típicas e que o coloquen diante da casa de maneira que se vexa ben desde a vía pública.

Feito isto haberá que tirarlle dúas fotos e mandalas ao whatsapp 616 332 919 xunto cos datos da persoa participante e o domicilio. As “Entroidadas” -que así se chama a proposta- deberán estar expostas desde o 14 de febreiro até o 6 de marzo, ambos días incluídos, para entrar nun sorteo que premiará catro deses espantallos. Cada domicilio só poderá participar cun boneco.

O premio será unha viaxe a Allariz para visitar no mes de maio o XII Festival Internacional de Xardíns. Poderán asistir dúas persoas de cada casa premiada -8 persoas en total-, a quen se lles porá un microbús con saída e volta a San Sadurniño no mesmo día, ademais de incluír na viaxe o xantar e as entradas na exposición de paisaxismo.

Os premios entregaranse no Concello o 11 de marzo ás 10 da mañá e, a maiores, sortearanse catro domicilios como suplentes por se chegado o momento algún dos gañadores do concurso non pode ou non quere ir a Allariz.

Entroidadas tamén no CPI
O concurso para a veciñanza tamén terá unha versión dirixida á infancia e a mocidade do CPI de San Sadurniño. Terán que facer igualmente os seus espantallos en homenaxe ás cociñeiras e cociñeiros que alegran as mesas do carnaval con montes de carnes, grelos, patacas e riquísimos doces. No seu caso deberán colocalos ao longo da Avenida Marqués de Figueroa, de modo que o centro urbano de San Sadurniño tamén se vista de Entroido.

O Concello levará a cabo un sorteo que premiará a tres aulas do centro de ensino cunha grande merenda e entradas de balde na piscina municipal, aínda que para facer valedoiro o agasallo deberán agardar a que remate o curso e veña tempo algo máis quente que o dos últimos días.

A primeira “algueirada”, o 19 de febreiro en Naraío con disfraces, música e concurso de orellas
No actual contexto de pandemia, Cultura segue apostando pola descentralización das actividades. Igual que fixo en 2020 e 2021 co programa “Á xunta da noite” que levou varios espectáculos polas parroquias, este 2022 iniciarase coas chamadas “Algueiradas de inverno” que se desenvolverán incluso ata ben entrada a primavera desenvolvendo un programa itinerante que aínda está pechándose.

A primeira cita -xa confirmada e a expensas da situación sanitaria- será a celebración do Entroido no local social de Naraío o sábado 19 de febreiro.

Ás 17:00h organízase un obradoiro de disfraces feitos con bolsas do lixo e outros materiais reciclados, aberto á participación de rapazada e persoas adultas. Ao seu remate haberá un desfile de máscaras -tamén para quen veña da casa co disfrace posto- no que se sortearán tres vales de 40€ para gastar en establecementos locais. Fai falla inscrición previa a través do 616 332 919.

A iso das 19:00h actuará a Escola Municipal de Pandeireta e tan pronto como remate o repaso do seu repertorio servirase un chocolate acompañado de biscoito e orellas.

No transcurso da tarde de carnaval anticipado tamén terá lugar un concurso de orellas, que son xunto cos freixós a sobremesa máis típica destas datas. Cultura apunta que se premiará “a orella máis perfecta” que as persoas participantes poidan facer. Non se di nada do sabor, só se fala da feitura, que debe aproximarse o máis fielmente á da orella dun porco, xa que antigamente a finalidade desta delicadeza gastronómica era a de substituír a carne polo doce durante o xexún da Coresma.

Haberá dous premios, un elixido por un xurado e outro polo público asistente ao Entroido, consistentes en dúas cestas de produto de proximidade. Se o xurado e o público coincidisen no mesmo veredicto, a segunda cesta iría parar á seguinte orella con máis votos populares.

Relacionadas

O servizo de axuda no fogar atendeu o ano pasado a 395 veciños e...

0
Entre dependencia e libre concorrencia prestáronse 74.566,59 horas de SAF, que tiveron un custe total de 1,6 millóns de eurosO servizo municipal de axuda...

O Concello da Pobra colabora no proxecto ESCLIMATIC que mide o impacto do cambio...

0
A cooperativa Dálle que Dálle atópase inmersa nun proxecto co obxectivo de crear unha ferramenta interactiva e intuitiva para o autodiagnóstico e a planificación...

Comeza a repoboación da Carballeira de Santa Minia coa plantación de oito novos exemplares

0
Procedentes dun viveiro de Abadín, as novas árbores teñen uns tres metros de altura e están perfectamente equilibrados entre copa e raíz, para facilitar...

O percebe de Aguiño celebra unha nova edición coincidindo co 100 aniversario da Cofradía

0
Os edís Vicente Mariño, Fernando Abraldes, Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte presentaron hoxe a Festa do Percebe de Aguiño xunto a Manuel Ángel Reiriz,...

O Concello de Boqueixón abre o prazo para solicitar as axudas de 400 euros...

0
As familias das crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 26 de marzo teñen ata o 10 de abril...

O pleno votará a aprobación definitiva do Plan Parcial AR-S1 que pretende a creación...

0
A promotora tamén solicitou o cambio de sistema de actuación de compensación a concerto. Dous dos asuntos que serán elevados á sesión ordinaria do Pleno...

Publicacións Relacionadas