A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas agarda rematar a humanización da entrada de Lestedo a principios de 2027

Redacción

María Martínez e Ovidio rodeiro asinan o convenio para mellorar os itinerarios peonís en Lestedo, que ascende a máis de 460.000 €

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para mellorar os itinerarios peonís en Lestedo, que contempla un investimento total de máis de 460.000 euros. Unha actuación que se desenvolverá ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta e que serán financiadas nun 70% polo Goberno galego, que ademais contratará e executará as obras. O Concello de Boqueixón achegará o 30% restante do custe das obras e corresponderalle o mantemento e conservación.

Ovidio Rodeiro destacou que “son dúas actuacións moi importantes que van a permitir humanizar a entrada de Lestedo e que foi das primeiras que lle pedimos á conselleira. Vimos precisamente de facer outra actuación coa Consellería de Medio Ambiente no outro extremo de Lestedo, polo que con este novo proxecto deixaríamos a entrada e a saída do núcleo e da parroquia moi humanizadas e con espazos verdes para desfrute dos veciños e veciñas”.

O alcalde agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia pois “vén recoller a demanda histórica da xente da parroquia” e remarcou que “estamos falando de moitos cartos, máis de 460.000 euros, e moitas das actuacións van soterradas e non se ven. Pero se notarán porque, unha vez que estean feitas, veredes que aínda que choiva moito a auga xa non baixará pola estrada, senón que será recollida e quedará unha área recreativa bonita”.

María Martínez Allegue corroborou que “nunha das primeiras xuntanzas que tivemos co alcalde xa me trasladou a necesidade de realizar actuacións que humanizasen esta zona de Lestedo e dende a Xunta comezamos a traballar nestes proxectos que recollen estas dúas actuacións tanto na zona do Vinteseis como na rúa Castrelo. Como dixo o alcalde, son actuacións que recollen cousas que non se ven pero que son moi custosas como a canalización dos servizos e das pluviais, para humanizar a zona para desfrute da veciñanza”.

A conselleira anunciou que “nós licitaremos a execución da obra. Segundo o proxecto, o prazo de execución é de seis meses polo que, tendo en conta os tempos de tramitación administrativa, iniciaremos este ano e rematemos a principios do vindeiro ano 2027. De todos modos, tentaremos axilizar no posible a execución para que comecen as obras canto antes”.

Unhas obras que teñen un obxectivo fundamental: “mellorar a accesibilidade da veciñanza. Non so falamos da mobilidade reducida, que tamén, senón que falamos dos pais e nais que van co carriño dos bebés, dos que veñen cos carros da compra, de facilitar o acceso ás paradas do autobús, de bancos que humanicen e fagan esta Galicia Calidade da que estamos orgullosos”.

Obras

O obxectivo é executar as obras necesarias para integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo con intervencións en dúas rúas: a rúa Castrelo e avenida do Vinteseis, nunha área que supera os 5.000 metros cadrados.

Na rúa Castrelo inclúense a renovación da beirarrúa existente, así como a instalación de bordo. Na marxe dereita da rúa proxéctase a construción dunha senda peonil de 120 metros de lonxitude para garantir a seguridade do tránsito peonil. Tamén se renovará a capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.

Na avenida do Vinteseis actuarase sobre un treito que antes era a antiga Nacional. Regularizaranse as zonas existentes de aparcamento que están sen dotar adecuadamente para o seu uso e crearanse itinerarios peonís que permitirán que toda a veciñanza poida acceder ás marquesiñas existentes ben con cadeiras de rodas e dotando de novo alumeado público á zona. Tamén se renovará a rede de pluviais e soterrarase integramente as redes de telefonía e de electricidade. Finalmente, instalarase unha zona de lecer, coa plantación de árbores e instalación de mobiliario urbano.

Estas intervencións realízanse mediante o Plan Hurbe, un programa co que o Goberno galego colabora cos concellos na mellora de contornas urbanas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Comparte este artigo