Hoxe se presentou a Copa de Galicia de Kenpo Infantil que se celebrará o vindeiro día 15 de febreiro no pavillón Alcalde Torres Colomer de Palmeira e será clasificatoria para o Campionato de España que terá lugar o 15 de marzo do presente ano en Guadalaxara.
Ao acto de presentación asistiron, o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal xunto con Iván Parada, un dos adrestradores do Club de Kenpo Barbanza e organizador desta I Copa de Galicia Infantil (Federación Galega de Karate D.A.)
Vidal informou que o campionato transcorrerá nunha xornada de mañá e outra de tarde: “onde van a participar nenas e nenos de seis a sete anos até mozas e mozos de catorce a quince anos. Na xornada matinal teremos Katas”, Kobudo e defensa persoal, pola tarde Semikenpo e Submission”.
O concelleiro de Deportes falou da honra que supón para o concello de que se celebre a Copa de Galicia en Ribeira e manifestou o apoio do mesmo ao Club de Kenpo Barbanza. Rematou a intervención amosando: “o noso apoio e agradecemento a todas e todos os deportistas desta disciplina que participan en diferentes competicións, non só nacionais ou estatais senón tamén a nivel europeo e internacional, a verdade é que son un orgullo para o noso pobo”.
Iván Parada quixo agradecer ao Concello de Ribeira, ao concelleiro, Xabier Vidal xunto aos técnicos de deportes: “de como apostan polo noso club para poder traer eventos e competicións”. Parada tamén informou que o vindeiro sábado 15 pola mañá adicarase á parte técnica dende as 10:00 h até as 13:00 h e pola tarde de 16:00 a 19:00 h ás dúas modalidades de combate.
As listas están pechadas cun total de 150 nenos e nenas de benxamín a cadete. O Club de Kenpo Barbanza levará un total de 34 participantes dos que 20 son nenas e se estima que se clasifiquen 15 deportistas para o Campionato de España.
O acto rematou cunha chamada á veciñanza para aisistir a esta Copa de Galicia Infantil e coñecer esta modalidade de loita.