· Todos os grupos políticos apoian esta iniciativa conxunta fronte á decisión da entidade bancaria, que anunciou o peche definitivo desta oficina para o próximo 10 de abril.
· A medida deixará ao municipio, que conta con máis de 7.000 habitantes e o maior polígono da comarca, cunha única sucursal con presenza física.
A corporación municipal de Bergondo aprobará mañá, xoves 26 de marzo (20.00 horas), en pleno unha moción institucional para tratar de evitar o peche da oficina do Banco Santander situada no polígono industrial. Esta iniciativa conxunta, que partiu dunha proposta inicial do Grupo Municipal do Partido Popular e do BNG, advirte do grave prexuízo que esta decisión supoñerá para a cidadanía e o tecido empresarial local.
Segundo comunicou a propia entidade financeira aos seus clientes, o peche definitivo das instalacións no parque empresarial está previsto para o próximo 10 de abril, momento no que concentrarán toda a súa actividade na sucursal do municipio veciño de Sada.
A corporación advirte de que este movemento supón unha repetición da exclusión financeira en Bergondo, lembrando que hai exactamente cinco anos, en marzo de 2021, o Banco Santander xa pechou as súas oficinas en Guísamo para trasladalas ao polígono, causando entón un importante impacto social.
Un grave impacto para maiores e empresarios
No texto o Concello subliña que Bergondo conta con máis de 7.000 veciños, dos cales o 30% son maiores de 65 anos, ademais de albergar o maior polígono industrial da comarca. A partir do 10 de abril, o municipio quedará cunha soa sucursal con presenza física.
A corporación denuncia que non se poden recortar servizos no territorio rural amparándose na dixitalización e a consolidación de oficinas. Especialmente cando a sucursal do polígono soporta unha forte carga de traballo e atende a numerosos residentes maiores que requiren obrigatoriamente dunha atención presencial. Ademais, advírtese de que as familias e os empresarios veranse obrigados a desprazarse a Sada ou a depender de terceiras persoas para realizar as súas transaccións diarias.
Esta situación é o resultado dun proceso de consolidación bancaria que provocou que Bergondo pase de ter catro sucursais operativas no pasado contado proximamente cunha soa.
Por iso, para defender os empregos e o mantemento dos servizos financeiros esenciais no municipio, o Concello solicitará á dirección do banco que reconsidere o peche da sucursal do parque industrial de Bergondo. Ademais, instarase os gobernos central e autonómico a que promulguen lexislación que garanta o acceso aos servizos bancarios esenciais no concello e propoñerase que o Concello de Bergondo deixe de colaborar con aquelas institucións financeiras que non manteñan unha sucursal nin ofrezan atención presencial dentro do municipio.



