O BNG de Arteixo presentará ao pleno esta moción unha vez coñecidos os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.
Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de
2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.
Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan
a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias.
Debemos impulsar todo tipo de iniciativas como é a creación dunha rede de puntos seguros nos que, no caso de precisalo, calquera persoa poida atopar axuda de inmediato como pode ser a creación dunha rede de establecementos e servizos que funcionan en horario nocturno, como hostalaría, taxis ou farmacias que queiran sumarse a esta iniciativa.
Ao tempo debe ofrecerse formación específica en igualdade, violencia de xénero, pautas e protocolos de actuación ante casos de violencias machistas, actos violentos contra persoas do colectivo LGTBQ+ que lles identifique como Punto Seguro adherido á Rede.
Por iso imos pedir ao goberno municipal a que impulse a creación dunha Rede de Puntos Seguros contra a violencia machista e/ou contra o colectivo LGTBQ+, promocionando o ofrecemento de locais das condicións axeitadas e procedendo á formación específica en igualdade, violencia de xénero, pautas e protocolos de actuación diante destes casos.



