A praza das Conchiñas e o Fórum Metropolitano serán as sedes desta edición
Esta fin de semana A Coruña acollerá a edición número 14 do festival Artes pola Integración, con diversas propostas culturais na praza das Conchiñas e no Fórum Metropolitano. Este encontro de artes inclusivas pretende visibilizar proxectos e
persoas con talentos artísticos non comúns, acotío excluídos socialmente. Creado en 2012, é o máis veterano de Galicia e o que leva máis edicións consecutivas.
O festival desenvolverase este ano o venres 19 e domingo 21 en dúas sedes: a praza das Conchiñas e o Fórum Metropolitano. O sábado o festival trasladarase a Santiago de Compostela. “A elección destes espazos públicos ten que ver coa intención do festival de visibilizar non só o talento de persoas con diversidade funcional ou pertencentes a outros colectivos en risco de exclusión social, senón de utilizar tamén lugares e recintos distintos dos tradicionais para a expresión artística”, explicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, quen destacou a importancia do festival como “ferramenta promovida polo Goberno de Inés Rey para favorecer a integración de colectivos en risco de exclusión social a través das artes escénicas, visuais, narrativas e plásticas”.
En canto á programación, o venres, ás 20.30 horas no Fórum Metropolitano a compañía Teatro de los Invisibles representará a obra ‘Contención mecánica’. Nela denunciase a violencia psiquiátrica, poñendo o foco nunha práctica que segue sendo habitual e que a ONU catalogou como tortura en 2013: a contención mecánica, é dicir, atar a persoas á cama facendo uso de correas.
O domingo a programación desenvolverase na súa totalidade na praza das Conchiñas, onde se inaugurará a exposición ‘A mocidade crea’. Trátase dun proxecto realizado en colaboración coa asociación Sacra Experience dentro do seu proxecto de artes e deseño en contornas rurais, A pequena Bauhaus que, tras dous anos de talleres e formación en creación con mocidade, dá lugar a unha exposición na que se recollen catro anos de traballo. Por outra banda, de 12.00 a 14.00 horas haberá un concurso de pezas para a comunidade para creadores cun mínimo de dous e un máximo de catro intérpretes de danza, música e/o teatro. Un xurado seleccionará tres pezas que recibirán 500 euros. Para o concurso seleccionaranse un máximo de 10 pezas e tres delas serán gañadoras. Máis información e inscricións, aquí. Ás 13.30 horas o Colectivo Diversos levará a cabo un espectáculo de danza comunitaria titulado ‘Tempo de soñar’. Trátase dunha proposta de danza-teatro inclusivo que ten coma temática a violencia de xénero e as diferentes formas de abusos. As/os protagonistas falan das súas propias historias e experiencias en primeira persoa. Protagonizado por 10 persoas con e sen diversidade, dá unha visión esperanzadora sobre a posibilidade de volver crer no amor. Tamén
O festival rematará ás 18.00 horas coa obra dirixida por Alma García ‘Seguir siendo niños’. Protagonizada por nenos entre 10 e 14 anos, tras unha residencia de produción en Pincelo, mergúllanos no imaxinario dos protagonistas, nas súas preocupacións, medos e intereses e, sobre todo, na súa necesidad de seguir sendo nenos.