HomeA CoruñaA Coruña conmemora os 150 anos da chegada do ferrocarril á cidade

A Coruña conmemora os 150 anos da chegada do ferrocarril á cidade

- Anuncio -spot_img

O Concello, a través do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, organiza un programa de actividades para lembrar a chegada do tren o 10 de outubro de 1875, acontecemento clave na modernización da cidade

O Concello da Coruña, a través do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, conmemorará este mes de outubro o 150 aniversario da chegada do ferrocarril á cidade, un feito histórico que tivo lugar o 10 de outubro de 1875 e que supuxo un antes e un despois no desenvolvemento económico, social e urbano da Coruña.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que “a chegada do tren marcou o inicio da modernización da cidade e a súa conexión coa Meseta, converténdose nun motor de transformación e progreso”, e sinalou a importancia de poñer en valor a historia ferroviaria coruñesa a través dun programa conmemorativo aberto á cidadanía nun momento, ademais, no que a historia do ferrocarril na cidade contará en breve cun novo fito coa chegada da estación intermodal.

AO longo das vindeiras semanas, desenvolveranse actividades divulgativas e culturais que permitirán afondar no impacto que tivo este medio de transporte na cidade, grazas á colaboración de especialistas en historia, urbanismo e economía. Estes actos estarán organizados polo Instituto Cornide e contarán co apoio do Concello.

O tramo entre Lugo e A Coruña foi o segundo en entrar en funcionamento en Galicia, despois do Santiago-Carril, e converteu A Coruña na primeira cidade galega conectada por tren co resto da Península. A comunicación completa con León e Palencia non se produciría ata 1883, e con Santiago non chegaría ata 1943.

A historia desta conexión está intimamente ligada a figuras como Martínez Picabia, impulsor da concesión inicial da liña en 1857, e Celedonio de Uribe, enxeñeiro responsable do proxecto final que marcaría o trazado ferroviario que chegaría á cidade.

Con esta efeméride, o Goberno de Inés Rey quere recuperar a memoria histórica dun momento clave para a cidade e fomentar o coñecemento cidadán sobre os procesos que configuraron a actual estrutura urbana da Coruña.

Publicacións Relacionadas