HomeA CoruñaA Coruña consolídase como capital da música contemporánea na IX edición do...

A Coruña consolídase como capital da música contemporánea na IX edición do festival internacional RESIS 2026

- Anuncio -spot_img

Haberá nove concertos, con doce obras en estrea absoluta, do 23 de abril ao 30 de maio en diferentes espazos da cidade

Por noveno ano consecutivo, a primavera coruñesa será a de RESIS. O festival, que conta co apoio do Concello, é xa un dos máis prestixiosos a nivel internacional no ámbito da música contemporánea, e presenta unha das súas edicións máis ambiciosas. Como é habitual nel, desborda o puramente musical para dialogar con outras disciplinas artísticas, coa ciencia e coa tecnoloxía, sempre desde unha posición de risco. E, fiel tamén ao seu espírito inicial, celébrase en diferentes espazos da cidade, ao que hai que engadir dous concertos en Santiago de Compostela e unha programación expandida que chegará ao Círculo de Bellas Artes en Madrid e á Real Academia de España en Roma.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá en María Pita a programación completa deste festival. “O RESIS medrou e converteuse nun festival de prestixio mundial grazas á colaboración que mantivemos ao longo destes ano desde o Goberno de Inés Rey. É unha honra ver que unha aposta tan ambiciosa e diferencial está a dar os seus froitos e consolidándose con actuacións únicas na nosa cidade”, sinalou o edil.

Ademais, no acto de presentación tamén participaron Hugo Gómez-Chao, director artístico do festival, Natividad González, responsable de Cultura da Deputación, María Barreiro Lázare, secretaria territorial da Xunta, e Juan Antonio Cuéllar, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Este ano, o festival rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926 1987) no centenario do seu nacemento. Falamos dunha das figuras clave da música do século XX, asociado á escola experimental de Nova York, da que tamén formou parte John Cage. A afinidade da súa figura co espírito de RESIS é notoria, xa que el baseou boa parte da súa obra en buscar a inspiración e o encontro con outros pintores e escritores da súa época. Neste sentido, Rothko Chapel foi unha das súas obras maiores, e esta será a protagonista do concerto inaugural, que se celebrará o venres 23 de abril no Teatro Rosalía de Castro. Gallaecia Ensemble Barroco, KEA Ensemble e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Enrique Azurza, protagonizarán esta primeira velada, que tamén inclúe a estrea absoluta de Haeresis, nova composición da galega Carme Rodríguez.

A figura homenaxeada será tamén a protagonista do concerto de clausura, o sábado 30 de maio, no plató virtual da Cidade das TIC. Alí estrearase, por encargo do festival, a obra ‘Entre Feldman’, composta por Niño de Elche e Héctor Cavalliaro. Trátase dun proxecto realizado nas residencias artísticas do Gaiás da Cidade da Cultura. O propio Niño de Elche, Arxis Ensemble e a soprano Margarita Rodríguez, baixo a dirección de Armando Merino e cunha videocreación a cargo de Lois Patiño, serán os protagonistas desa espectacular xornada de peche. Trátase dunha proposta altamente ambiciosa que promete facer historia no festival, unha hibridación absoluta entre performance, música electrónica e de cámara e cinema de vangarda.

Un intenso mes de concertos en espazos emblemáticos

Outro dos puntos máis fortes desta edición será a estrea absoluta de ‘Undersongs’, nova obra de Chaya Czernowin, unha das compositoras máis relevantes do momento, e que será interpretada por Sigma Project. Trátase dun encargo de RESIS en coprodución con certames europeos tan prestixiosos como o Festival de Otoño de Varsovia (Polonia) e weit! neue musik weingarten (Alemaña), e co patrocinio de Siemens. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Josep Planells a Banda Municipal da Coruña baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopis, a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Josep Planells, Luna Celemín e Christian Camino, completan a programación de concertos, que terá como lugares de intervención espazos emblemáticos como a Domus, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera e o Museo de Belas Artes (A Coruña) e o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).

Instalacións e proxectos educativos

A Instalación sonora ‘TO HO BOC GE a/v’, de Juan Lesta e Marco Maril, é outro dos encargos do festival, moi vinculado á memoria sonora e á paisaxe natural e industrial da cidade, coa antiga bucina de néboa da Torre de Hércules como elemento central. Nesta edición de RESIS, ademais, volveranse desenvolver os seus dous proxectos educativos. A Proxección Sonora, que busca fomentar a participación de persoas con diversidade funcional na creación musical e artística en colaboración con asociacións locais como ASPRONAGA e FAXPG, incluirá este ano a instalación AQUA MATRIX, arredor do percorrido da auga na Coruña.

E, por cuarto ano consecutivo, celebrarase RESIS.LAB, un obradoiro de creación e experimentación para mozos compositores e compositoras que, nesta ocasión, contará como titor co Premio Nacional de Música José Manuel López López. Os participantes seleccionados estrearán novas composicións no Auditorio de Galicia xunto á Real Filharmonía o 8 de maio, baixo a dirección de Armando Merino.

Unha programación expandida

En paralelo á programación oficial de RESIS 2026, o festival volve expandirse este ano cos concertos de Niño de Elche e Arxis Ensemble, o 6 de xuño no Círculo de Bellas Artes de Madrid, e en conmemoración do centenario do seu edificio. Pola súa banda, Noè Rodrigo e Margarita Rodríguez estarán ese mesmo mes na Real Academia de España en Roma.

Ademais, RESIS súmase ao 50 aniversario da Asociación Cultural Alexandre Bóveda cunha acción performativa da artista Ana Gesto no Aquarium Finisterrae o 23 de maio. Masterclasses, obradoiros, clases e ensaios abertos, conversatorios e encontros profesionais completan un extenso programa de actividades paralelas.

Entradas

As entradas á maioría dos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no quiosco da Praza de Ourense. Só hai tres excepcións: o concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, o 15 de maio no Palacio da Ópera, que será de pago (as localidades para este espectáculo poderanse adquirir tamén en ataquilla.com), e as da Real Filharmonía, o 30 de abril no Auditorio de Galicia, que se poden conseguir nesta ligazón, e o concerto da Banda Municipal que é entrada libre ata completar aforo.

Publicacións Relacionadas