Inés Rey: “O orzamento ten carácter expansivo para reforzar a dinamización económica, as políticas de benestar e protección social, a mobilidade sostible e a mellora dos investimentos nos barrios”
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá as liñas xerais dos Orzamentos 2026, unhas contas que foron aprobadas en Xunta de Goberno e que serán levadas a cabo antes de que remate o ano. Rey agradeceulle ao BNG e ao seu portavoz a “capacidade de poñer a cidade por riba de calquera outro interese” á hora de acordar as contas para o ano que vén, unhas contas cun orzamento total que ascende a 375 millóns de euros, que chegan aos 406 millóns sumándolle o dos organismos dependentes.
Rey explicou que os orzamentos se estruturan en catro eixes: economía e mellora dos servizos públicos; novos equipamentos e planificación estratéxica da cidade; políticas de benestar, vivenda e protección social; mobilidade sostible, espazos verdes e accesibilidade, e a aposta polos barrios como factor de cohesión social.
Dentro da planificación estratéxica da cidade, a alcaldesa citou investimentos como os máis de 4 millóns destinados a Cidade das TIC, para a que tamén se fará un plan director, o impulso ao Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050 ou a continuidade do programa Coruña Marítima.
Os investimentos globais previstos na cidade no 2026 suman máis de 58 millóns de euros e inclúen intervencións como a rehabilitación do edificio A Terraza de Méndez Núñez, as novas oficinas municipais de Atención Cidadá, a redacción do proxecto de renovación do Fórum Metropolitano, as novas dependencias municipais na Fábrica de Tabacos, o remate da estación intermodal, a nova biblioteca e aula dixital de Palavea, a nova biblioteca e aula dixital de Novo Mesoiro, o espazo multiusos da Bágoa de San Roque, a segunda fase do parque do Observatorio e o novo equipamento de Santa Lucía, entre outros.
A alcaldesa recordou tamén que o Orzamento inclúe fondos para seguir reforzando a proxección da cidade no mapa internacional. “Por iso está previsto incrementar en 600.000 euros a dotación do Consorcio de Turismo para garantir a chegada de rutas aéreas en Alvedro, mentres agardamos o posicionamento da Xunta con respecto á política aeroportuaria de Galicia”, indicou Rey, mentres lembraba que o Concello segue a asumir en solitario a promoción aeroportuaria e reclamaba máis unha vez a implicación do Goberno galego nese asunto.
O carácter social dos orzamentos supón unha parte troncal das contas públicas, cun incremento de 2 millóns de euros no programa de axuda no fogar e incrementos tamén nas partidas destinadas a bolsas comedor e bonotaxi. Ademais, mediante o acordo alcanzado co BNG, recupéranse tamén os orzamentos participativos, dotados con 2,6 millóns de euros e con carácter bianual, para permitir nese prazo, explicou Rey, a redacción e execución dos proxectos e para facilitar a máxima participación nos procesos. Ademais, as contas incorporan case 20 millóns de euros para o pago do bonobús, a cifra máis elevada orzada na Coruña para ese fin.
A alcaldesa destacou tamén o peso que as políticas de Vivenda teñen nas contas, que inclúen máis de 4 millóns de euros para o edificio municipal de vivenda en alugueiro social de Xuxán mais que tamén reflicten a dotación de 1,5 millóns de euros para que EMVSA poida xestionar 500 vivendas municipais en alugueiro, número que se seguirá incrementando nos vindeiros anos.
No eido dos deportes, Inés Rey destacou o investimento previsto de 7 millóns de euros no Plan de instalacións deportivas municipais, tanto para a mellora das instalacións existentes como para novas pistas.
Tamén no ámbito cultural se recollen melloras co Plan de instalacións culturais, con atención especial ao Fórum e ao Teatro Rosalía, e con novos investimentos previstos, como as bibliotecas de Palavea e Novo Mesoiro.
En canto ás políticas medioambientais, Rey anunciou a aprobación dunha partida para un Plan de arboredo para actuar en todo o municipio mais tamén reiterou o compromiso da licitación de Nostián nos vindeiros días. As contas inclúen melloras nas áreas caninas e tamén na cala de Bens.
As contas do 2026 danlle continuidade ao Plan de barrios 2025-2027, cun investimento total que supera os 58 millóns para todos os barrios da cidade. Os investimentos inclúen os compromisos municipais para o remate das obras da intermodal, cun millón de euros, e tamén a partida para o abono dos accesos ao novo CHUAC, con máis de 4,2 millóns.
“Son uns orzamentos expansivos pensados para ter mellores servizos, potenciar o tecido económico da nosa cidade, completar e mellorar os equipamentos públicos e contribuír a humanizar a calidade urbana da nosa cidade”, concluíu a alcaldesa. Rey avanzou que nos vindeiros días se fará unha presentación pormenorizada do acordo político que permitiu a aprobación das contas, que serán votadas en Pleno antes de que remate o ano



