Home A Coruña A Coruña, escenario central das celebracións das Letras Galegas 2024, en homenaxe...

A Coruña, escenario central das celebracións das Letras Galegas 2024, en homenaxe a Luísa Villalta 

- Anuncio -

A praza de María Pita acollerá o 17 de maio o acto institucional galego con motivo do Día das Letras, xunto coa apertura ao público dunha mostra itinerante polas principais cidades de Galicia 

A Coruña será o escenario central das celebracións con motivo do Día das Letras Galegas 2024. A escritora coruñesa Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) é a figura homenaxeada este ano, coincidindo co 20 aniversario do seu falecemento. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a elección de Villalta por parte da Real Academia Galega “é un orgullo para A Coruña como cidade”, e que Villalta é “a mellor expresión desa Coruña dos barrios que fai universal a Falperra, o barrio do Gurugú”. Asemade, a alcaldesa lembrou que no día de onte, 5 de maio, hai dous anos que o Pleno do Concello aprobou unha moción para solicitar que o Día das Letras Galegas lle fóra dedicado a Luísa Villalta. “Unha reivindicación de diferentes entidades locais e culturais que tivo o seu eco no Salón de Sesións e que este ano é unha realidade con esa conmemoración”, aseverou. 

En canto á programación arredor do Día das Letras Galegas, Rey avanzou que as celebracións institucionais de Galicia terán a súa sede na Coruña. O 17 de maio, ás 10.30 horas, abrirase ao público unha exposición sobre Luísa Villalta, organizada polo Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Trátase dunha mostra itinerante que pasará polas principais cidades de Galicia e que iniciará o seu percorrido na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita. Logo da apertura da exposición, levarase a cabo o acto institucional na praza de María Pita, xunto coa familia da escritora, e rematará cunha actuación musical. Ademais, logo dos actos, a Real Academia Galega desenvolverá un plenario no Teatro Rosalía de Castro. 

As actividades con motivo das letras comezarán este venres 10 de maio ás 21.00 horas, co concerto de Familia Caamagno no Centro Sociocultural Ágora. Entrada de balde con invitación. Ademais, o 16 de maio haberá unha dobre cita musical. Ás 20.00 horas, a Banda Municipal de Música ofertará un concerto especial no Centro Sociocultural Ágora; e ás 20.30 horas no Teatro Colón, o Consello da Cultura Galega estreará a peza “Concerto para un home só”, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta.

Ademais, durante todo o mes de maio faranse agasallos aos nenos e nenas, co obxectivo de divulgar a figura de Luísa Villalta e a lingua galega entre os máis pequenos. Repartirase o libro ‘A nosa estrela’, de Susana Villalta, irmá da poeta, que relata neste conto ilustrado como era a vida de Luísa cando era pequena. Tamén o libro ‘Tinta do mar’, pequena biografía da poeta. 

Ademais dos actos e actividades programadas polas Letras Galegas, o Goberno de Inés Rey levou a cabo diversas iniciativas en homenaxe á escritora. Villalta foi a figura escollida para a súa inclusión como figura do nacemento de Nadal 2023-2024, como tamén na tradicional ofrenda floral polo día de Defuntos, no Cemiterio de Santo Amaro. 

Ademais, este pasado mes de marzo, con motivo do Día da Poesía leváronse a cabo dez obradoiros sobre Luísa Villalta nas diferentes bibliotecas, coñecendo á poeta e o seu vínculo emocional coa cidade. Tamén na programación de Lecer no Ágora e Fórum, cuxos programas contan cun monográfico sobre Luísa Villalta, da man do colectivo A Sega, para coñecer a Coruña da escritora. 

Edición especial de En concreto (2004), obra póstuma da escritora

A alcaldesa, Inés Rey, tamén avanzou a publicación dunha edición especial da obra En concreto (2004) de Luísa Villalta, obra póstuma da escritora e que fora presentada o 8 de agosto de 2004 na Feira do Libro da Coruña. Rey explicou que a poesía é a faceta máis coñecida da poeta, aínda que cultivou tamén teatro, narrativa, traducción e ensaio tanto en obras individuais como colectivas. “Son varias as obras poéticas publicadas pola escritora, todas elas recollidas na antoloxía poética Pensar é escuro (2023). Con todo, penso que a máis especial é En concreto (2004), publicada póstumamente e dedicada á Coruña”. 

Rey anunciou que o Concello da Coruña publicará, xunto con Xerais, unha reedición do poemario, con fotografías de Xurxo Lobato e textos de Estíbaliz Espinosa. “Esta é outra maneira de facer cidade coa que esperamos achegar unha oportunidade única para que o público lea e sinta á poeta da Cidade Alta”, sinalou. A alcaldesa reivindicou a fonda pegada na traxectoria artística de Luísa Villalta, muller comprometida políticamente e cun marcado activismo en prol da cultura e da lingua.

Nota de Prensa 

Dispositivo especial polo calendario deportivo desta fin de semana

Por outra banda, a alcaldesa avanzou esta mañá que o Concello está a ultimar un dispositivo especial de cara a esta fin de semana, na que o Real Club Deportivo e o Leyma Básquet Coruña disputan sendos partidos nos que contan con posibilidades de rubricar os seus ascensos a Segunda División e Liga ACB, respectivamente. 

O venres habilitaranse pantallas xigantes na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor para seguir en directo o partido de baloncesto que medirá ao Leyma co Melilla, encontro que se disputará en terras melillenses e comezará ás 21.00 horas. “Queremos facilitar que as persoas que non se poidan desprazar a Melilla podan disfrutar do partido e, agardamos, o ascenso do Leyma Básquet Coruña á máxima categoría”. 

En canto ao domingo, o Real Club Deportivo xoga tamén un partido decisivo contra o Barça Atlètic. O Concello habilitará unha pantalla xigante na mesma explanada do Palacio dos Deportes de Riazor para o seguimento do partido. Ademais, de acordo coa numerosa afluencia de público prevista, arredor de 30.000 persoas dentro do Estadio de Riazor, o Concello porá en marcha un plan especial de tráfico co obxectivo de facilitar a mobilidade na cidade e garantir a seguridade dos peóns. “Será coordinado polas áreas de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Deportes e daremos conta dos detalles concretos nos vindeiros días”, explicou a alcaldesa. 

O Concello dá luz verde ao Plan de Contratación Pública 2024

Noutra orde de asuntos, Inés Rey presidiu este luns a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou o Plan de Contratación Pública 2024, un documento que recolle as principais liñas estratéxicas de investimento previstas polo Concello tanto para este ano como de cara aos vindeiros exercicios. 

A rexedora explicou, en rolda de prensa, que “este documento é unha ferramenta de planificación e programación, na que cada área de xestión municipal determina as súas principais previsións contractuais a curto, medio e longo prazo. Por tanto estamos ante a folla de ruta do Concello en cada área de xestión, de forma transparente. Non esquezamos que este Goberno municipal foi o primeiro en aprobar un Plan Anual de Contratación, poñendo en valor a contratación pública como o que é: unha ferramenta clave para a creación de emprego e riqueza nunha cidade, contribuíndo á dinamización económica da cidade”.

As previsións establecidas no Plan de Contratación Pública 2024 recollen ata 305 contratos, cun valor total de 518 millóns de euros. “Falamos de estimacións a curto, medio e longo prazo, xa que eses 518 millóns inclúen, por exemplo, o importe que, se prevé, será necesario para costear o novo contrato de xestión e tratamento de residuos en Nostián, que será licitado de forma inminente”, expuxo Inés Rey. 

O documento tamén recolle iniciativas do Concello en materia de vivenda. Por exemplo, os 10 millóns de euros cos que o Concello afrontará a construción dun edificio de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán, que estará localizado na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal situado entre as rúas Longarela e Cernadas. O proxecto para construír este edificio xa se aprobou semanas atrás en Xunta de Goberno. 

No Plan tamén figuran, por outra banda, partidas incluidas nos Orzamentos de este ano. Por exemplo, os 7,6 millóns comprometidos para remodelar os Cantóns entre Juana de Vega e a sede da Autoridade Portuaria. 

“O Plan de Contratación Pública do Concello é, en definitiva, unha ferramenta de planificación e tamén axuda a visibilizar a actividade económica e contractual, que tamén se pode consultar a través do portal web de transparencia habilitado a finais de 2022. Esta plataforma de contratos recolle, por exemplo, os datos de licitación e adxudicación do Concello ano a ano”, lembrou a alcaldesa. 

O Festival Mar de Mares volve a San Agustín os días 8 e 9 de xuño

Ademais, na Xunta de Goberno Local deste luns tamén se acordou ceder un espazo no andar superior do mercado municipal de San Agustín para facilitar a celebración do Festival Mar de Mares 2024 os días 8 e 9 de xuño, coincidindo coa fin de semana na que se conmemora o Día Mundial dos Océanos. 

“Desta forma, apoiamos á asociación Redes de Sal, organizadora do festival en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente, nun obxectivo compartido por as dúas partes: divulgar e impulsar actividades que visibilicen a importancia de coidar o noso planeta”, apuntou Inés Rey. Como xa é habitual, no festival terá lugar o mercado Mar de Mares, no que haberá postos de venda de produtos e actividades para todos os públicos, con espectáculos gastronómicos de showcooking,degustacións, música en directo e xogos infantís. Está previsto, ademais, abrir á cidadanía unha mostra fotográfica sobre os océanos.

Relacionadas

O concello reactiva o comercio local coa segunda edición doprograma de bonos “Eu Merco...

0
1.333 laracheses poderán acceder a unha chequeira de 30 euros para descontar as súas compras no pequeno comercio larachés. O Concello volve mostrar o seu...

Reeabertas á circulación as vías forestais de Montemair que foran danadas pola realización de...

0
A Policía Local emitiu un informe no que se determina que o estado actual permite a circulación en condicións de seguridade. O Concello informa da...

O alumnado do CPI Cruz do Sar expón a súa visión de Bergondo a...

0
· Os nenos e nenas expuxeron e leron as creacións realizadas durante os talleres impartidos pola artista bergondesa Dores Tembrás. O alumnado de 5º e...

O Museo Valle-Inclán pobrense conmemora o Día Internacional dos Museos con visitas comentadas e...

0
No 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos e, por tal efeméride, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ofrece unha acción...

Carnota conmemora o Día Internacional dos Museos coa apertura da Caseta de Pepe do...

0
Esta revolucionaria instalación, á que se accede co móbil a través dun código QR, poderá ser visitado durante as 24 horas deste sábado, 18...

Belén do Campo reúnese con Juan Carlos García e destaca os investementos por case...

0
A delegada lembrou que o municipio se beneficia dunha axuda da Xunta de máis de 285.000€ para a creación dun punto limpo preto de...

Publicacións Relacionadas