O Circo de Artesáns acolleu este acto organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Cántigas da Terra e no que participou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro
O Circo de Artesáns acolleu esta tarde un acto de homenaxe a Antón Vilar Ponte no 90 aniversario do seu pasamento. Esta iniciativa estivo organizada pola asociación Cultural Alexandre Bóveda e Cántigas da Terra, e contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Antón Vilar Ponte foi a figura máis senlleira das Irmandades da Fala. Nado en Viveiro, desenvolveu unha intensa actividade política, xornalística e literaria. A comezos de 1916 decidiu crear na Coruña, coa axuda do seu irmán Ramón, a Liga de Amigos del Idioma Gallego, que axiña se convertería na 1ª Irmandade da Fala. Foi director de A Nosa Terra e presidente de Cántigas da Terra. Fondamente comprometido coa nación galega, foi elixido en 1931 deputado pola ORGA e, cinco anos máis tarde, foi elixido deputado, desta vez polo Partido Galeguista. Finou na Coruña en marzo de 1936.
“Vilar Ponte non foi só un xornalista comprometido. Foi un activista, un activo, un activador das Irmandades da Fala, un organizador, e un impulsor dunha Galicia que quería pensarse a si mesma con dignidade”, indicou Gonzalo Castro, que destacou a fonda pegada que deixou Vilar Ponte na Coruña. “Vilar Ponte mantivo unha estreita vinculación co tecido cultural coruñés, xusto aquí, no Circo de Artesáns, espazo fundamental da vida cultural e asociativa da cidade.Aquí, como noutros espazos da nosa Coruña, lateu esa vontade de país que Vilar Ponte soubo expresar con claridade e determinación”, engadiu Castro. Nesta homenaxe houbo unha actuación de Cántigas da Terra e levouse a cabo unha lectura de textos do propio Vilar Ponte.



