HomeA CoruñaA Coruña xa quenta motores de cara á carreira popular dos Rosales,...

A Coruña xa quenta motores de cara á carreira popular dos Rosales, con máis de 1.500 persoas confirmadas de cara á xornada deste domingo

- Anuncio -spot_img

As persoas participantes poderán recoller os seus dorsais no pavillón o mesmo día da carreira, dende as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das categorías

O circuíto Coruña Corre volve este domingo 1 de xuño ao barrio dos Rosales, que vivirá a décimo segunda edición da súa carreira popular con máis de 1.500 persoas confirmadas de cara á xornada, que arrincará ás 10.00 horas coa disputa da proba en categoría absoluta, con saída a carón do pavillón polideportivo da avenida Fernando Suárez.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou hoxe que o percorrido variará lixeiramente, xa que irá en sentido inverso con respecto á edición previa. “En lugar de enfilar primeiro o paseo do Portiño, o trazado discorrerá inicialmente polos aneis de rúas do barrio e, xa posteriormente, sairá cara ao Portiño, para rematar no alto do paseo”, explicou.

Serán case seis quilómetros de percorrido para as persoas da categoría absoluta e de 2,4 para a rapazada que participará nas quendas sub-18 e sub-16. A carreira das e dos sub-14 será de 1,6 quilómetros, mentres que nas categorías sub-12 e sub-10 será de 800 metros. As/os peques, de 7 anos ou menos, percorrerán 100 metros.

Cómpre lembrar que as persoas inscritas poderán recoller os seus dorsais no pavillón o mesmo día da carreira, dende as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das categorías. O regulamento completo da carreira pódese consultar nesta ligazón.

Servizo de duchas e gardarroupa no pavillón dos Rosales

Como en todas as probas do circuíto, o Concello disporá servizos de asistencia ás persoas participantes na carreira dos Rosales. Ademais do xa habitual avituallamento na chegada á meta, no pavillón polideportivo do barrio habilitarase un gardarroupa (de 9.30 a 11.15 horas) e tamén haberá servizo de duchas, de 10.30 a 13.00 horas.

Tras Os Rosales, o circuíto volverá no mes de setembro

A carreira dos Rosales marcará o xa habitual parón do circuíto antes da tempada estival. Será xa en setembro cando Coruña Corre retomará a segunda parte desta edición; volverá ás rúas da cidade coa Volta a Oza (14 de setembro) e, posteriormente, coas carreiras populares do Ventorrillo (26 de outubro) e de Novo Mesoiro (23 de novembro).

Publicacións Relacionadas