Na mañá de hoxe presentouse esta cuarta edición de Xiradiscos á que acudiron, a concelleira de Cultura, Antía Alberte e a tesoureira da Asociación Xiradiscos.
A concelleira informou que esta edición será novamente na Porta do Sol o vindeiro sábado 9 de agosto, Antía definiu a feira coma un proxecto totalmente alternativo que nesta cuarta edición se redefine cun novo mercadiño alternativo con máis de 13 postos de artistas e artesáns da Barbanza, onde non faltarán vinilos e a música con actuacións pola mañá e pola tarde-noite. A concelleira anunciou que como primeiro acto do día, “teremos unha presentación literaria moi especial, Una historia del arte muy rápida de Carla Serrano” que é unha artista palmeirana que reside en Valencia e se fixo viral nas redes facendo vídeos didácticos sobre a historia da arte.
Nati Mirás tomou a palabra e expresou o orgullo da asociación por poder seguir levando a cabo este proxecto, que “é unha aposta en firme á cultura”.
Esta asociación está conformada por José Manuel Martínez, Manuel Parada e Nati Mirás; tres veciños de Ribeira, bos amigos e con moitas gañas de aportar o seu gran de area para que Ribeira “se posicione no lugar que se merece, medre como cidade apostando pola cultura alternativa e independente” Xiradiscos naceu para ofertar unha actividade totalmente nova no Barbanza; naceu como unha feira do disco, unha feira que tiña como protagonista ao formato físico. Mirás salientou que “nestes anos achegamos a Ribeira a moitos dos selos discográficos independentes galegos, dentro dos cales temos que sinalar a Radix Records, selo de Ribeira que leva máis de 15 anos apostando pola vertente independente da música”. adiantou que “en pouco tempo teremos a tenda de discos de vinilo na nosa cidade da man de Radix Records”.
Nesta 4ª edición a asociación propúxose enriquecer a feira con outro tipo de postos creativos, sobre todo con aqueles onde a artesanía e o DIY sexan protagonistas. É por iso que pasamos a denominar o noso evento como Mercadiño Cultural onde se poderá mercar dende fanzines, discos de vinilo, deseño gráfico, ilustración, até produtos feitos a man con pel, tela ou metais reciclados. Nati constatou que “poñemos en valor todo aquelo feito con cariño e, se é feito por veciños e veciñas do Barbanza, mellor que mellor. Varios dos artesáns son de aquí e están moi ilusionados en poder expoñer o seu traballo no seu pobo”.
A música en directo non pode faltar, así que tanto na sesión vermú como á noite, haberá artistas e bandas en directo para amenizar a xornada. Para rematar o día, Nell mesturará música para que todos podamos bailar e gozar. Nati miras en nome da Asociación Xiradiscos quixo agradecer ás empresas colaboradoras que, “coa súa apartación económica, nos permiten ter todas estas actividades. E, un ano máis, ao Concello de Ribeira por colaborar e apoiarnos en todo momento”.
Antía e Nati animaron a todos e todas o vindeiro Sábado 9 de agosto na Porta do Sol de Ribeira. Dende as 11:00 h se dará o pistoletazo de saída co Mercadiño cultural (que estará todo o día) e coa presentación do libro “Una historia del arte muy rápida” por Carla Serrano. Á 13:00 h comezará a sesión vermú da man de Nan Îllonia (antes Chamaquito Pistolas) e ás 14:00 h estará Pablo Leira (cantautor, estilo americana). Á noite, a partir das 22:30 h terán lugar os concertos das bandas Tesouro (power pop) e Superfuzz (Rock&Roll).
Ás 00:30 h teremos a sesión de baile con Nell que rematará con música lenta.