HomeA CoruñaA décima edición do Pleno Infantil de Boqueixón debate sobre os dereitos...

A décima edición do Pleno Infantil de Boqueixón debate sobre os dereitos dixitais da infancia

- Anuncio -spot_img

Corenta nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto trasladáronlles as súas inquedanzas ao alcalde e á concelleira de Servizos Sociais

O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu esta mañá a décima edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 42 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e á concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde Leis, as súas reflexións sobre os dereitos dixitais da infancia.

Uns dereitos que resumiron nun cartaz no que reivindicaban: privacidade, seguridade, respecto, acceso á información veraz e equilibrio; ao tempo que daban consellos de bos usos da tecnoloxía: penso antes de compartir, comprobo se algo é verdade antes de compartilo, non falo con descoñecidos e aviso a un adulto se algo me preocupa.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de dar a benvida á rapazada e ás súas mestras, explicando que “nesta mesa é espazo onde se debaten e toman as decisións máis importantes para a vida en Boqueixón. Aquí fálase de educación, de servizos sociais, de infraestruturas… apróbanse proxectos e programas. E hoxe imos escoitar as vosas propostas”. Así, o alcalde foi dándolle a palabra a cada un dos “12 concelleiros/as por un día” sentados hoxe na mesa de plenos, que remataron as súas intervencións pedíndolle ao alcalde a realización de cursos formativos tanto para a infancia como para as persoas adultas, pois moitos recoñeceron que nas súas familias moitos descoñecían o mundo das redes.

Tras a presentación, o alcalde abriu unha quenda de “rogos e preguntas”, para que a rapazada comentara as necesidades que vían no municipio. Así mesmo, o alcalde comprometeu a instalación dunha árbore de Nadal no colexio para alumear este Nadal, así como a realización dunha excursión no verán ao Aquapark de Cerceda, toda vez que a rapazada lamentou que podían quedar sen excursión de fin de curso este ano. A sesión rematou coa entrega de dous agasallos: un block de notas do 25N e un tazón do Concello de Boqueixón coa imaxe da ponte de Ponte Ledesma.

Esta décima edición do Pleno Infantil foi organizada polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón, dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia, e contou coa colaboración do CPI Antonio Orza Couto.

Publicacións Relacionadas