A prensa escrita deste sábado fíxose eco a pé de páxina do anuncio da Deputación provincial da Coruña conforme saen a contratación pública os traballos de aglomerado do tramo que faltaba por reparar da DP-7603. As obras abranguerán desde o punto quilométrico 0,300 até o 4,200, é dicir, desde a saída da Agra de Arriba até A Pena, en Santa Mariña do Monte, xusto no punto onde rematou a anterior fase, executada en 2022. As empresas teñen até as 23:59h do próximo 12 de febreiro para presentar as súas ofertas por vía electrónica na plataforma de contratación da Deputación.
O proxecto, cifrado en 414.043 euros, impostos incluídos, consistirá na extensión dunha nova capa de rodadura de firme aglomerado tanto na calzada como nas beiravías, cubrindo unha distancia de 3,9 quilómetros. Son os comprendidos entre a Agra de Abaixo, á saída de San Sadurniño, e algo máis adiante do mesón Os Cazadores, no lugar da Pena, en Santa Mariña, aínda que á altura de Silvalonga a Deputación xa ten reparado un pequeno tramo.
Unha vez se contrate e execute o proxecto -na licitación establécese un prazo máximo de tres meses- quedará listo todo o eixo que enlaza o centro municipal de San Sadurniño co cruzamento do Coval, en Valdoviño. En palabras do alcalde, Secundino García, a obra rematada “culminará algo polo que o Concello e a veciñanza levabamos esperando máis de quince anos e que a Deputación foi facendo aos poucos”.
García Casal repasou os principais fitos da mellora da estrada provincial lembrando que en 2011 o Concello lle solicitou á Deputación tanto a reparación da vía como a construción de sendas peonís. Porén non foi até 2015 cando emprezaron a acometerse proxectos nese sentido, primeiro construíndo unha senda entre A Golpilleira e A Pena e despois aglomerando a maior parte do trazado que cruza Santa Mariña do Monte.
O alcalde agarda que agora, co proxecto da DP-7603 xa encauzado, a Deputación tamén acometa melloras similares na outra grande vía provincial que artella o Concello, a DP-7601 que arranca no centro urbano de San Sadurniño e remata no Outeiro, en Igrexafeita, despois de cruzar Ferreira. “Sería ben que esa estrada tamén se aglomerase e que de paso se aproveitase para ampliar ata a Seara a senda peonil que agora remata na Camba. Son case dez quilómetros de estrada, algo difícil de asumir nunha soa anualidade incluso para a Deputación, pero válenos con que haxa un compromiso de ir facendo tramos en anos sucesivos, como ocorreu coa de Santa Mariña”.
Secundino García Casal sinala ao respecto que a necesidade desta e outras intervencións xa se lle trasladou á responsable provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, na visita que fixo a San Sadurniño o pasado mes de setembro.
En relación coa rede viaria provincial en San Sadurniño, o rexedor lembra por outra banda que a Deputación da Coruña tamén ten en marcha, aínda que “en stand by”, o ancheado e a construción dunha senda peonil na DP-7302 que vai desde a Capela de Belén até Riboira.
Neste caso é algo máis de quilómetro e medio para o que xa se fixeron as correspondentes expropiacións e para o que, previamente, foi necesario deseñar o correspondente proxecto, que agora está sendo modificado para axeitalo á afección patrimonial do castro de Riboira.