O Goberno municipal presentou esta mañá os resultados da enquisa municipal aberta a toda a cidadanía durante o mes de febreiro. En total participaron 2.994 veciños e veciñas, que ademais de puntuar numericamente os distintos servizos e políticas do Concello expresaron con total liberdade todo tipo de críticas, deficiencias, necesidades e propostas de mellora que serán tidas en conta para seguir perfeccionando a xestión municipal.
En canto aos resultados, os servizos públicos reciben unha elevada puntuación, cunha valoración media de 7,58, con cualificacións que van do 6,49 ao 8,06. Na parte baixa deste segmento aparece a área que require de maior control municipal: o urbanismo; mentres no rango máis valorado figuran servizos moi específicos do municipio, como as escolas artísticas ou as casas de préstamo para festas. A xestión do Concello recibe tamén un notable, cunha puntuación media de 7,23, destacando a atención do persoal municipal cun 7,64.
A valoración xeral da política do Goberno recibe un 6,8, un índice similar á valoración do alcalde (6,6). En canto á valoración dos grupos, Alternativa dos Veciños acada un 7 (6,97), o PP un 3 (2,99), o PSOE un 3,72 e o BNG un 4,48.
En relación ás preguntas de actualidade, a veciñanza respalda amplamente todas as liñas de actuación abertas (multiusos de Bastiagueiro, ampliación da ponte Pasaxe, conexión vía Ártabra-AP 9, creación da Artabriña, modelo urbanístico de baixa densidade, cooperativas de vivendas…). Os asuntos principais que aporta a veciñanza como temas por resolver fan referencia á mobilidade: transporte público e mellora da rede viaria en relación cos atascos.
“A valoración que facemos da enquisa é moi boa. Primeiro pola elevada participación e polos milleiros de comentarios que recibimos, críticas sanas na súa inmensa maioría que imos ter en conta e que iremos atendendo durante os próximos meses, porque sería imposible abordar agora todo xunto. Segundo porque as puntuacións que se dan por parte dos veciños e veciñas sobre a xestión do Concello e a política que facemos tamén son, en xeral, moi boas, de notable en practicamente todos os casos”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
O Concello de Oleiros que agradecer publicamente a todas as persoas que participaron nesta enquisa. O Goberno municipal está a analizar, un por un, os miles de comentarios recibidos a través das distintas preguntas. Atendendo a todas as aportacións e información recibida, procesada desde unha perspectiva xeral, elaboraranse distintos plans, adoptaranse cambios na xestión, programaranse modificacións nas actividades, crearanse novos servizos públicos,… que se irán comunicando ao longo dos vindeiros meses a través dos distintos medios de comunicación municipais. Tamén se seguirán a reclamar a outras administracións aquelas cuestións que transcenden da competencia do Concello.
No próximo número do xornal Vivir en Oleiros informarase amplamente dos resultados desta enquisa.