O Rosalía Mera obtivo os tres primeiros premios do concurso
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, supervisou este luns o desenvolvemento da Feira das Ideas do programa Inicia, que se celebrou no Fórum Metropolitano. Esta iniciativa, que conta co apoio do Concello da Coruña, está organizada por Espazo Coop, Unión de Cooperativas Galegas. “Desde o Goberno de Inés Rey colaboramos nesta iniciativa porque consideramos que é importante amosar o talento e o traballo que levan a cabo os centros de Formación Profesional da cidade”, indicou Diana Cabanas.
Durante a mañá expuxéronse os 15 proxectos finalistas nunha mostra aberta que incluíu maquetas, materiais gráficos e outros recursos que deron a coñecer as súas ideas de negocio. Un comité avaliador supervisou todos os proxectos e decidiu que a mellor proposta foi Milgranda, seguido de Recipa e Plastictopía, todos eles do Rosalía Mera. O premio ao centro máis implicado foi para o Nebrija. Os centros participantes nesta xornada foron: a Grande Obra de Atocha, o Centro de Formación Profesional Nebrija, o IES Rosalía Mera e mais a Escola de Imaxe e Son.
Xa pola tarde, o auditorio do Fórum Metropolitano acolleu a Xornada Inicia, na que foron relatadas diferentes experiencias emprendedoras con representantes de iniciativas locais como Pablo Visos Varela (Sherlook), Enrique do Rosario (Sunwalk Records) ou o equipo de Skomb-by-Tex. A continuación, procedeuse á entrega dos Premios “Formación para emprender”, tamén coa participación da concelleira.