12+1 postos de repostaría e artesanía, 15 obradoiros e unha ampla oferta musical dinamizarán a última fin de semana do 2024
Carballo estrea esta fin de semana a súa Feira Doce, unha iniciativa da Concellaría de Feiras e Mercados con dous obxectivos principais: poñer en valor a repostaría e a creatividade locais e dinamizar as nosas feiras tradicionais. Hoxe presentamos o programa completo, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez; a xerente do CCA, Yolanda Antelo; o empresario José Luis Rodríguez Capelet, patrocinador dos obradoiros de “Arte nas túas mans”, e Guillermo Mato, membro do grupo de rock The Cerne e da Asociación Musical Costa da Morte, de recente creacion.
Como o nome indica, os produtos doces van ser os principais protagonistas da feira. E, ademais, este ano imos contar con doce postos, aínda que temos a seguridade de que vai saír tan ben que irá en aumento en anos vindeiros.
Quixemos celebrala coincidindo co último feirón do ano, porque unha das ideas nas que se está a traballar na Concellaría de Feiras e Mercados, como explicou Ramón Varela, é a dinamización dos feiróns a través da promoción de produtos tradicionais como pode ser o mel, que ten a súa propia feira no mes de setembro, ou, neste caso, os produtos doces. De feito, nesta Feira Doce estrearemos unhas bolsas, nas que se entregarán os produtos en todos os postos, coas que iniciamos unha campaña de promoción dos nosos feiróns.
Que produtos se van vender?
Nesta feira quixemos contar, en primeiro lugar, cos panadeiros e reposteiros locais, aínda que tamén abrimos as portas a artesáns da contorna, reforzando o papel de Carballo como centro e concello locomotora da comarca. Este ano participan dúas panadarías, A Milagrosa e PanIgnacio, unha de gran tradición no noso concello e a outra de recente implantación pero con experiencia de anos na Costa da Morte. Tamén contamos con Chisco Ramos, un reposteiro e cociñeiro moi coñecido en Carballo, que ademais leva impartidos varios cursos no Fórum e que seguro que nos sorprenderá coas súas creacións. E, aínda que fóra da carpa, tamén vai participar na feira a Churrería María, clásica das nosas feiras e mercados. Recuperamos tamén a Fanucha’s, que despois de iniciar a súa aventura empresarial en Carballo, está a continuala agora no veciño concello de Malpica.
Grazas á colaboración do CCA, nesta primeira Feira Doce sumáronse tres establecementos carballeses de repostaría moi diferente á nosa repostaría tradicional: Break Time, que arrasa coas súas galletas; Sweet, que trunfa coas chuches, e Terra Patagonia, que nos vai sorprender cos seus alfajores. A última hora incorporouse tamén Mmm Xeados!, que ocupará outro dos stands. Agradecemos a colaboración do Centro Comercial Aberto, especialmente estreita neste Nadal, algo moi de valorar, porque tanto o comercio local coma o Concello de Carballo traballamos coa mesma finalidade de dinamizar un sector fundamental da economía local.
Pero nesta Feira Doce temos outros produtos doces que non se comen, como son as creacións artísticas e artesanais dos creadores e as creadoras locais que integran a asociación cultural Cascabullo. Isa Bermúdez, Tucho Caamaño, Crúa e Cousas de Razo tamén van ter espazo na feira.
Obradoiros
Tanto os creadores e creadoras locais coma os reposteiros e reposteiras van realizar obradoiros ao longo das dúas xornadas. Neste sentido temos que agradecer especialmente a participación do CCA Carballo, que coordina os talleres de Terra Patagonia, Sweet e Break Time, e de Muebles Luis, que patrocina os catro obradoiros de artesanía que encadramos na actividade “Arte nas túas mans”. Jose Luis Rodríguez amosou no acto de hoxe a súa disposición a seguir colaborando neste tipo de actividades.
Por certo que onte abrimos o prazo de inscrición e algúns dos obradoiros xa están completos. Animamos ás familias a participar, facendo a inscrición mañá sábado no posto que teremos na propia feira para aqueles no que aínda hai prazas.
Outras actividades
Na Feira Doce vai haber postos, 15 obradoiros e moita música. Empezará a soar mañá sábado ao mediodía cos Trasnos do Nadal, que nos traerán un repertorio de cancións típicas destas datas para animar tanto a carpa da Praza do Concello coma as rúas da contorna. Tamén o domingo ao longo da mañá repetiremos os Cantos de Nadal, que tan boa acollida tiveron o domingo pasado na feira. Se o día 22 escoitamos ás cantareiras de Arume e Escola do Alprende e á Coral Polifónica de Bergantiños, este domingo 29 acompañarannos as cantareiras de Nemeth e San Campio de Cances e o Coro Aires de Bergantiños, que actuarán na carpa, no mercado municipal e na rúa Coruña.
Pero o prato forte musical será o concerto solidario do sábado á noite, unha iniciativa que partiu das agrupacións locais e que, como non podía ser doutro xeito, apoiamos desde o Concello de Carballo. Elas son as verdadeiramente solidarias, porque Quercus Blues, The Cerne, Rusty Nuts e Lowcos, que actuarán por esta orde, van doar os seus cachés ás vítimas da DINA que arrasou a zona de Levante a finais de outubro. Neste concerto non se pagará entrada pero todas as persoas que queiran colaborar poderán facelo enviando un bizum ao número 33512, habilitado pola Cruz Vermella con esa finalidade.
Os postos da Feira Doce estarán abertos o sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, e o domingo de 11.00 a 14.00. Pero a actividade da fin de semana non remata aí, porque o domingo pola tarde, a partir das sete, teremos unha festa pre fin de ano na carpa, organizada pola concellaría de Terceira Idade, na que haberá cotillón, verbena con Rocío Pérez e Martín Carrión e xogos para todas as idades con Bonecos Animación.
E así pecharemos unha fin de semana que agardamos que, como outras das actividades que se veñen desenvolvendo este Nadal no noso concello, definan un xeito propio de celebrar estas festas tan tradicionais, como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, que animou a toda a veciñanza a gozar da familia, das amizades, do comercio, da hostalaría e da ampla programación do Nadal en Carballo.