O Concello de Ribeira colabora na programación
A Ameixida, na parroquia de Castiñeiras, celebrará a súa propia festa no 8 de agosto cunha axenda que se estenderá dende a mañá ata a noite tal e como avanzaron o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; o seu homólogo de Deportes, Álex Vidal; e a presidenta da comisión, María Jesús Paz.
“Seguimos xuntándonos, divertíndonos e celebrando en cada recundo do noso municipio e, a principios de agosto, será o momento da
Ameixida cun cartel potente que se concentrará nun único día. Haberá actividades para tódalas idades e gustos grazas o traballo da comisión de festas do lugar. Este Concello seguirá apoiando estas iniciativas que dinamizan toda a localidade”, en palabras de Abraldes.
As bombas de palenque anunciarán o comezo da xornada, ás 10.00 horas, para emprender a travesía a nado programa para as 10.45 horas. Máis tarde, de 11.30 a 13.00 horas, a rapazada poderá desfrutar dos inchables, mentres os adultos xogan na praia á petanca por parellas. Xa cara o momento de xantar, ás 13.15 horas, haberá sesión vermú amenizada por Chiña e gran sardiñada.
Os xogos continuarán pola tarde co campionato de cartas Escoba e Tute, ás 15.30 horas; novamente inchables, de 16.00 a 18.00 horas; xogos populares na praia, 17.00 horas; e festa da espuma, ás 19.00 horas.
Tampouco faltará o deporte co partido de fútbol infantil, ás 18.00 horas, e co de adultos, ás 19.15 horas.
Sobre as 20.30 horas ofrecerase unha merendola para repoñer forzas despois de consumir tanta enerxía durante as horas previas e a música chegará coa actuación de Leite con Jalletas, ás 22.00 horas, e sesión DJ, ás 00.30 horas, unha vez finalice o sorteo dunha televisión e entrega de trofeos á medianoite.

