Os bateis vogarán as augas da dársena do peirao comercial da Pobra na II Bandeira de Bateis Mecalsa que organiza o Club Remo Puebla coa colaboración da Concellaría dos Deportes.
A regata terá lugar no 18 de xaneiro, a partir das 10.30 horas, e poderán participar tódolos equipos da zona norte da Liga Galega de Bateis.
“Temos un club que é exemplo de resiliencia. Proba disto é todo o movemento da familia do remo tralo devastador incendio que calcinou a súa sede. Dende o primeiro momento comezaron a traballar para repoñerse á situación e, ademais, esta fin de semana temos unha proba organizada por eles froito do seu compromiso e esforzo a prol do deporte. E este Concello estará remando cara adiante ao seu carón”, en palabras do concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.
As bandeiras ondearán das mans dos dous equipos, feminino e masculino, que acaden unha maior puntuación. Outorgaránselles tamén medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría.