HomeA CoruñaA CoruñaA II Edición de Innovatech FP premia o traballo de Centros da...

A II Edición de Innovatech FP premia o traballo de Centros da Coruña, Culleredo, Ferrol, Lugo, Vilalba, Maceda, Ourense, Xinzo de Limia, Pontevedra e Vigo

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Educación pon en valor o potencial innovador da FP galega e destaca o éxito do programa, que duplica este ano o número de empresas participantes
  • Arredor de 1.000 alumnos e 240 profesores traballaron en equipo para dar resposta aos 20 retos tecnolóxicos propostos por outras tantas compañías
  • Os gañadores poderán transformar as súas propostas en realidades comerciais viables a través da área de emprendemento industrial do Centro Eduardo Barreiros

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu hoxe a entrega de premios da segunda edición do certame InnovaTech FP a centros da Coruña, Culleredo, Ferrol, Lugo, Vilalba, Maceda, Ourense, Xinzo de Limia, Pontevedra e Vigo. O acto desenvolveuse no Centro Integrado de FP Universidade Laboral, en Culleredo, coa presenza de aproximadamente 500 persoas entre as que se encontran os alumnos e alumnas participantes nos retos, os seus profesores e representantes das empresas colaboradoras.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor o potencial innovador da FP galega, co Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros. “Hai unhas semanas tivemos a oportunidade de coñecer proxectos de gran interese na feira FP Innova, na que se expoñen os mellores traballos dos centros neste eido, e hoxe coñecemos 20 propostas totalmente novas para dar resposta a retos tecnolóxicos reais propostos por algunhas das empresas máis solventes de Galicia”. “Que os alumnos de FP, coa colaboración dos docentes, sexan quen de elaborar solucións solventes é unha clara mostra de que algo se están a facer ben nas aulas”, incidiu.

Neste sentido, destacou o éxito de InnovaTech, “en cuxa primeira edición participaron 10 empresas, nesta segunda foron 20 e moitas delas repetiron”, dixo Román Rodríguez. “A través deste tipo de iniciativas fortalecemos a relación entre a FP e o tecido produtivo, imprescindible tanto para que os estudantes coñezan a realidade do mundo laboral, como para que as empresas conten con profesionais coa maior cualificación”, sinalou o conselleiro. “Así mesmo, promovemos o emprendemento entre os máis novos, dado que os gañadores van poder agora intentar facer realidade as súas propostas”, explicou.

Román Rodríguez quixo felicitar aos estudantes e docentes participantes, un 50% máis ca na primeira edición, “pola capacidade de facer fronte ao retos e traballar en equipo para crear propostas que lle dean solución”. “Estou seguro de que esta forma de enfrontarvos ás dificultades vos vai ser moi útil no futuro en todas as facetas da vosa vida”, afirmou.

En que consiste InnovaTech FP?

Enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia,o programa InnovaTech FP ten como obxectivo a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial no ámbito da FP, así como promover a creación de empresas de base tecnolóxica entre os estudantes. Para iso, as 20 empresas participantes propuxeron outros tanto retos tecnolóxicos aos estudantes, que debían darlles resposta a través de solucións innovadoras cun impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentable da sociedade.

Os estudantes traballaron en equipos multidisciplinares con distribución mixta de xénero. Deste xeito, búscase a integración de habilidades e coñecementos complementarios, así como a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Participaron arredor de 1.000 alumnos e 240 profesores, que conformaron 243 equipos de 72 centros de Formación Profesional (28 centros integrados de FP e 45 institutos).

Os estudantes recibiron formación específica en Desing Thinking, e os 60 equipos que chegaron á fase especial recibiron ademais formación específica en Produto mínimo viable e Comunicación estratéxica, formacións que lles axudaron a desenvolver as súas ideas, realizar o prototipado das mesmas e expoñelas ante a comisión de selección.

O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros prestou apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, os gañadores contarán coa área de emprendemento industrial deste centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.

Centros premiados

Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000€ para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. No dossier adxunto poden consultarse os detalles de cada un deles. Entre os 20 centros premiados, seleccionouse o equipo formado por alumnado do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo e do CIFP A Xunqueira de Pontevedra en resposta ao reto presentado pola empresa Eba, como premio especial.

EmpresaRetoCentro gañador
NaturgySolucións sostibles para a xestión de palas de aeroxeradores en desusoCIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)
L’OrealPlataforma dixital para mellorar a empregabilidade no sector da imaxe persoalIES de Teis (Vigo)
ViaquaMantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústica con IACIFP A Carballeira (Ourense)
Roberto VerinoOptimización da xestión de inventarios no sector da moda mediante IAIES de Teis (Vigo)
FINSAValorización das cinzas resultantes da combustión da biomasaIES A Sardiñeira (A Coruña)
El PulpoPlataforma de economía circular mediante IA para o sector da modaCIFP Portovello (Ourense)
Pérez RumbaoSistema integral de localización e xestión de vehículos en talleres de automociónIES San Mamede (Maceda)
Fundación San RosendoSolucións tecnolóxicas para fomentar a motivación e participación en terapias de rehabilitaciónCIFP Politécnico de Lugo (Lugo)
DiesemmPlataforma dixital para a xestión optimizada de recursos e persoal en grandes eventosIES Lois Peña Novo (Vilalba)
Coca-ColaRedución do consumo de auga no proceso de pasteurización de refrescosCIFP As Mercedes (Lugo)
RepsolSistema de análise preditiva para equipos críticos na industria químicaCIFP Universidade Laboral (Culleredo)
NavantiaMellora da inspección e control na construción modular de buquesCIFP Ferrolterra (Ferrol)
EbaSistema de embalaxe ecolóxico para a protección de mercadorías no transporte internacionalCIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) / CIFP A Xunqueira (Pontevedra)
ZendalMétodo in vitro para a cuantificación de toxoides na produción de vacinasCIFP Politécnico de Lugo (Lugo)
Grupo CuevasMellora do proceso de pelado de castañas para a elaboración de marrón glacéCIFP A Farixa (Ourense)
Offshore WindwavesSistema remoto para a inspección e reparación de soldaduras en tubaxes de difícil accesoCIFP Ferrolterra (Ferrol)
Biomasa ForestalProdutos alternativos para reducir a estacionalidade nas plantas de biomasa forestalIES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia)
QuescremOptimización da xestión de lodos orgánicos obtidos na produción de biogásIES A Sardiñeira (A Coruña)
EMAFESASistema automático para a detección e control de fugas de auga en tempo realCIFP Politécnico de Lugo (Lugo)
BOAGASolución dixital para a automatización das medidas zootécnicas do gandoIES Urbano Lugrís (A Coruña)

Publicacións Relacionadas