HomeA CoruñaA maxia do Entroido enche as rúas de Cariño

A maxia do Entroido enche as rúas de Cariño

- Anuncio -spot_img

• Houbo varias actividades e o tradicional desfile, no que o Concello repartiu máis de 3.400 euros en premios.

A maxia do Entroido encheu, durante as últimas xornadas, as rúas de Cariño. O Concello celebrou diversas actividades para todos os públicos desde o pasado sábado, cando se deu inicio a unha festividade que se converteu nunha das máis características da comarca, contando cun importante número de participantes e de visitantes.

Todos eles puideron gozar das charangas, actuacións musicais, animacións ou xogos xigantes, todo iso coroado coa celebración do tradicional desfile de Entroido, no que se repartiron máis de 3.400 euros en premios entre as diferentes categorías.

O desfile deu comezo ás 18:00 horas desde o Polideportivo Municipal e concluíu varias horas despois na Carpa da Praza Roxa, onde se fixo a entrega de premios tras a votación do xurado. En total, o Concello de Cariño repartía premios entre cinco categorías diferentes: Comparsas, Grupos adultos, Grupos infantil, Individual ou parellas adultos e Individual ou parellas infantil, aínda que esta última categoría quedou deserta.

Na categoría de Comparsas, o primeiro premio foi para ‘Os Infieis’ (1.200 euros), o segundo premio foi para ‘Vos Argalleiros’ (800 euros) e o terceiro premio foi para ‘Moulin Rouge’ (400 euros).
Na categoría de Grupos adultos, os premiados foron ‘Arte Mandarino’ (300 euros), ‘Vos Carrochas’ (150 euros) e ‘Voando Vou’ (100 euros), mentres que na de Grupos infantil os galardoados foron ‘As raíñas da sabana’ , ‘Plumas de Ortegal’ e ‘Os leóns de Montepinar’.
Para finalizar, os premiados na categoría Individual ou parellas adultos foron ‘Fantasía de cores’, ‘Caterín e Caterina’ e ‘Máquina recreativa’. A categoría Individual ou parellas infantil, como se citou anteriormente, quedou deserta.

Desde o Concello de Cariño quixeron agradecer “a implicación e o traballo de todos os participantes”, así como felicitar especialmente “a todos os membros da Comparsa ‘Os Infieis’ pola consecución do primeiro premio e polo gran traballo realizado neste desfile de Entroido”.

Publicacións Relacionadas