Entre elas, as que afectan ao capítulo 1 dos orzamentos xerais municipais e a modificación puntual da RPT coa incorporación de 19 novos postos de traballo.
Hoxe celebrouse unha reunión da mesa de negociación na que participaron membros do Goberno local, representantes sindicais e da empresa redactora da modificación da relación de postos de traballo (RPT) -JL Tudón Consultores en Organización- e tamén un asesor da Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF) para tratar diversos temas que afectan ás condicións profesionais tanto do funcionariado como do persoal laboral do Concello.
Na reunión houbo consenso nas cuestións que afectan directamente ao capítulo 1 do orzamento municipal, que é o relativo aos gastos do persoal. Unha delas foi o incremento salarial do 1,5 % para o conxunto do persoal municipal, unha medida que xa se vén aplicando desde o pasado mes de xaneiro e que agora queda formalmente avalada no marco da negociación colectiva. Así mesmo, acordouse a incorporación dunha partida específica destinada á implantación da carreira profesional, dando así cumprimento ao compromiso de regular este sistema de promoción horizontal.
Estes acordos supoñen un paso decisivo para avanzar na tramitación do proxecto de orzamentos municipais para este ano 2026, que se prevé elevar ao Pleno para o seu debate e, de ser o caso, aprobación, nos próximos días.
Outro dos asuntos acordados na mesa de negociación foi a modificación puntual RPT coa incorporación de 19 postos por necesidades organizativas, o que permitirá regularizar administrativamente estas prazas dentro da estrutura oficial que se proporá ao Pleno incorporar á RPT -a maioría das cales xa actualmente cubertas por persoal interino a través de diferentes programas- e que son as seguintes:
1. Técnico de Xestión (área de Administración Xeral).
2. Administrativo (área de Administración Xeral).
3. Técnico Informático (área de Administración Xeral).
4. Técnico de Xestión (área Económica).
5. Administrativo (área Económica).
6. Xefe de Negociado (área Económica).
7. Auxiliar Administrativo (área Económica).
8. Coordinador de Protección Civil (área de Seguridade).
9. Enxeñeiro Técnico (área de Urbanismo, Obras e Servizos).
10. Operario de Servizos Múltiples e Conserxe (área de Urbanismo, Obras e Servizos).
11. Técnico de Cultura (área de Cultura e Deportes).
12. Técnico de Turismo (área de Cultura e Deportes).
13. Animador Deportivo (área de Cultura e Deportes).
14. Administrativo (área de Cultura e Deportes).
15. Traballador Social (área de Servizos Sociais).
16. Educador Familiar (área de Servizos Sociais).
17. Auxiliar Administrativo (área de Servizos Sociais).
18. Auxiliar Administrativo (área de Servizos Sociais).
19. Administrativo (área de Servizos Sociais).
Coa celebración desta mesa de negociación e os acordos acadados, o Goberno local reafirma a súa vontade de diálogo e de traballo conxunto cos sindicatos e representantes do persoal, consolidando avances en materia retributiva e organizativa e reforzando a estabilidade e planificación dos recursos humanos do Concello.



