Quedou instalada no paseo marítimo da Avenida das Américas, en Santa Cristina a exposición sobre o muralismo en Oleiros que serve para repasar a evolución do “Expresa Oleiros Urban Fest”, a convocatoria que cada ano suma tres obras deste xénero urbano noutros tantos lugares do municipio.
A exposición, sobre os soportes que habitualmente utiliza o Concello para as súas mostras de rúa, inclúe este ano as tres últimas incorporacións: Diana Rodeiro e o seu mural na piscina de Oleiros; Sekone no muro inferior da praia de Bastiagueiro e Iria Fafián na rúa do Souto, en Santa Cruz.
Esta mostra inclúe en total 16 paneis que recollen os 15 murais que se foron realizando en Oleiros nos últimos anos. Aos de 2024 hai que engadir obras de Miguel Golmayo, Joseba Muruzábal, Ana Langeheldt, Xoana Almar, Lula Goce, Óscar Martín, Spaik, Lidia Valverde e Luis Olaso.
O contido da exposición inclúen referencias biográficas e artísticas das e dos creativos, así como a ubicación de cada mural, para que quen o desexe poida contemplalo en directo.